A falla de relevo xeracional sentenza aos reloxeiros
Os cambios no consumo da mocidade deixa moitos oficios manuais sen relevo profesional
Profesións coma os reloxeiros non atopan xente nova disposta a iniciarse en moitos traballos artesanais
Juan Álvarez é o reloxeiro de toda a vida, para os veciños da zona vella de Ourense, e dos poucos que quedan na cidade das burgas. Leva 53 anos na profesión. Empezou nela de adolescente, profesionalizando a herdanza do seu pai e avó, que vendían os reloxos polas vilas.
"Fixen un curso de correspondencia, aos 16 anos, e despois xa cun profesional mirando o que facía", comenta este reloxeiro ourensán.
Bota a persiana do seu negocio no verán, por que xa son 69 anos e porque a familia tamén reclama atención, pero o espírito da profesión segue intacto.
"A miña muller dime que non quere estar soa e eu tamén penso que chegou o momento de deixalo", afirma Juan Álvarez.
Durante todo este tempo, viu como a súa profesión foi cambiando ao paso das maneciñas dos anos.
"Lembro dalgún cliente comprando algún reloxo de ouro a un neto, de oito anos. E dicía eu: comprarlle un reloxo de ouro... Pero si, hai de todo", asente.
Unha profesión máis, a de reloxeiro que se enfronta coma a de outros oficios manuais á falla de relevo xeracional e é que en Galicia, un de cada tres autónomos, ten máis de 55 anos. Os reloxos xa non se herdan nin se agasallan coma antano, porque a mocidade ten outros gustos e así é difícil que a xente máis nova aposte por esta profesión.
"Os mozos xa non mercan xoias, cambiaron os gustos. Lembro como en Ourense, xente da emigración viñan e comprábanlle á familia. Agora iso non pasa", lamenta.
Moitos veciños pedíronlle que seguira uns anos máis, pero Juan prefire poñer punto e final. Seguirá ocupado, esta vez na horta, a súa outra paixón, porque o mellor de saber medir o tempo e tamén saber desfrutalo.