A escaseza de oferta aumenta a carestía dos pisos de estudantes en Santiago
Moitos propietarios abandonaron o alugueiro tradicional para dedicalo ao uso turístico e iso diminuíu notablemente a bolsa de vivenda para alugar
Prevese que un piso de tres dormitorios teña unha suba media superior aos cen euros mensuais para o curso que vén
Unha das tarefas de moitos universitarios cando acaba o curso é procurar piso para o próximo.
Isto na cidade universitaria galega con máis tradición, Santiago, preséntase moi laborioso e caro. A factura do alugueiro mensual pode subir máis de cen euros.
"Para o curso que vén xa teño piso buscado para compartir con dúas amigas. Imos pagar 260 con gastos e está en Santiago de Chile, a zona máis central. Pago 100 euros máis que o curso pasado".
O encarecemento de alugueiro que, di Sofia se lle presenta, en Santiago vano ter gran parte de universitarios. Moitos propietarios cambiaron o alugueiro tradicional en Compostela polo destinado a uso turístico, e isto fai que sexa unha rareza encontrar carteis coma este nun espazo residencial. En consecuencia, os prezos elévanse, aínda que a calidade do piso non estea ao nivel da factura do alugueiro.
"Un piso medio no ensanche compostelán na actualidade pode andar polos 600-800 euros. Para un piso de tres dormitorios supuxo un aumento de entre 100 e 200 euros por vivenda", di Rafael Rey, de Inmobiliaria ReyXestión.
Na carestía influirán varios factores, como onde esta o piso, pero tamén cando se reserva.
Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias explica que "non é o mesmo ir alugalo a semana que vén, principios de xullo, cando empecen a quedar libres os pisos que cando quede unha semana para empezar o curso. Vai depender de moitos factores, pero a ausencia de oferta de pisos dispoñibles está a facer este ano, unha vez máis, que aumenten os prezos de alugueiro para estudantes".
O aviso é para ter en conta sobre todo para quen, como recoñece Martín, deixa a busca para máis adiante:
"Sempre deixo todo para o último momento, pero sempre hai algunha cousa ao final", di.
Preguntámoslle se conta con será máis caro para o curso que vén e, non o dubida:
"Creo que si, porque levo catro anos aquí e desde que empecei ata hoxe si que se nota que está todo máis caro".