A economía galega acelera no segundo trimestre e sobe un 3,2 % interanual en xuño
Destaca a entrada de viaxeiros en hoteis cun incremento superior ao 10 % interanual

A actividade económica de Galicia acelerou no segundo trimestre do ano segundo o Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia.
De acordo con esta plataforma de universidades e empresas galegas, o indicador rexistrou no mes de xuño un incremento interanual do 3,2 %. A taxa aumenta unha décima respecto ao mes de maio e recupera a tendencia crecente que rompeu en decembro do ano pasado.
Unha vez finalizado o segundo trimestre do ano e, como se avanzaba cos datos dos últimos meses, a actividade económica galega mostra unha lixeira repunta debido ao incremento do consumo que rompe a tendencia á baixa mostrada ata a data.
No que respecta á evolución individual das variables recollidas no Indicador, son nove as que presentan un crecemento positivo (dous menos que o mes anterior).
Entre as que mostran unha mellor evolución destaca a entrada de viaxeiros en hoteis, cun incremento superior ao 10 % interanual, o que confirma, en opinión dese foro, "a notable evolución do turismo en Galicia", algo que permite "albergar boas expectativas" para o conxunto do verán.
No outro lado da balanza está a cifra de negocios no sector servizos, variable que mostra un peor comportamento nestes últimos doce meses, cunha evolución negativa próxima ao 15 %.