Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miles de traballadores do metal toman Vigo na primeira xornada de folga

Miles de traballadores do metal toman Vigo na primeira xornada de folga

Trinta e tres mil traballadores do sector están chamados a secundar as mobilizacións deste xoves e do mércores e o xoves da próxima semana

Os sindicatos estiman o seguimento do paro no 95% e a patronal no 55%

Os empresarios lamentan a falta de consenso e os representantes sindicais falan de inmobilismo da patronal 

Manifestación do sector do metal, este xoves en Vigo (TVG)
G24.gal 07/05/2026 09:16 Última actualización 07/05/2026 13:25

Miles de traballadores do sector do metal de toda a provincia de Pontevedra percorreron este xoves as rúas de Vigo en dirección á delegación da Xunta de Galicia na cidade para reclamar unha solución ás negociacións do novo convenio colectivo, enquistadas tras 13 reunións entre as partes.

A manifestación, no primeiro dos tres días de folga convocados ata o momento polos sindicatos -prevén outros tres máis-, estivo apoiada por CIG, CC. OO. e UXT e comezou ás 09:30 horas en Beiramar, onde se atopan os principais estaleiros da cidade.

A esa hora xa eran centos os traballadores concentrados, o que xerou as primeiras complicacións de tráfico ao colapsar unha das arterias máis recorridas polos condutores vigueses, que se viron atrapados en atascos.

"Convenio do metal, solución", gritaron os manifestantes, tras unha pancarta en que se podía ler: "Contra a precariedade, convenio digno xa".

Os sindicatos chamaron os case 33.000 traballadores do sector para secundar as xornadas de folga previstas para este xoves e para o mércores e xoves da próxima semana, aos que engadirán, previsiblemente, outros tres días de paro os días 19, 20 e 21 de maio coincidindo coa feira do naval Navalia.

O conflito céntrase nas condicións do novo convenio: a patronal, integrada por Asime, ATRA e Instalectra, chegou a poñer sobre a mesa unha subida salarial do 14,5 % en catro anos —incluíndo un 5 % en 2026—, aínda que posteriormente volveu a unha proposta do 13 % en catro anos, cunha redución de xornada de oito horas en 2028 e medidas adicionais en licenzas, pluses e comisións de traballo.

Os sindicatos consideran insuficientes estas ofertas e critican que a cláusula de garantía salarial estea vinculada ao IPC cun tope do 2 %.

Tamén denuncian a falta de avances en cuestións como a subrogación, a regulación dos fixos descontinuos ou a inclusión de medidas fronte á tensión térmica. Desde a parte social acúsase á patronal de “inmobilismo” e de non comprometerse con melloras concretas.

Os empresarios critican a actuación dos piquetes 

Pola súa banda, os empresarios lamentan o que cualifica de “bloqueo sistemático” sindical e sosteñen que o seu obxectivo é garantir a viabilidade da industria e reducir a incerteza. 

As patronais do sector do metal da provincia de Pontevedra (Asime, Atra e Instalectra) situaron o seguimento da primeira xornada de folga desenvolvida este xoves nun 55%, criticando a actuación de piquetes, "que impediron que algunhas empresas puidesen desenvolver a súa actividade, bloqueando o acceso a traballadores que desexaban exercer o seu dereito".

Nun comunicado conxunto, a parte empresarial considerou "totalmente incomprensible" que non se puidese adoptar xa un preacordo de convenio, "especialmente tras o importante esforzo realizado e todas as melloras que se puxeron sobre a mesa de negociación".

"Resulta difícil de entender o rexeitamento a estas ofertas, sobre todo tendo en conta que cada día de folga supón para os traballadores a perda de 0.5% do seu salario anual", engadiron.

En canto ao desenvolvemento do paro, recoñeceron que "non se rexistraron incidencias de extrema gravidade que afecten á seguridade xeral", aínda que si apuntaron á existencia de "algúns actos vandálicos puntuais".

Ao respecto, referíronse ao picado de rodas en diversos vehículos, "o cal embaza o carácter da mobilización".

"A pesar destes feitos, a parte empresarial quere deixar claro que segue convencida en que a única vía de resolución é a negociación. Mantemos a nosa vontade de diálogo para alcanzar unha solución equilibrada, pero apelamos á responsabilidade de todas as partes para poñer fin a un conflito que prexudica tanto ás empresas como aos propios traballadores", sentenciaron.

Sen apenas incidencias, salientan desde a Subdelegación do Goberno 

Pola súa banda, desde a Subdelegación do Goberno de Pontevedra trasladaron que se tratou dun "día tranquilo", aínda que a Garda Civil si reportou a presenza de piquetes en diversas empresas de municipios da provincia como Valga (Extrugasa), Caldas de Reis (Indalsu), Vilanova de Arousa (Calmear), Meis (Sigaltec), Meaño (Talleres Pedreses), Cambados (Acernor), Vilaboa (Recambios Ochoa e Calefón), O Porriño (Chorros Naval e Aceiros Torres), Mos (Densu), Tui (Pipeworks), Pontareas (Ganomagoga) e Tomiño (taller A Milagrosa). Tamén en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Marín, pero sen incidentes.

"Non houbo incidentes máis aló dalgunha roda picada no Porriño", subliñaron, apuntando tamén a conatos de incendios en contedores de lixo de Vigo durante a manifestación, que foron extinguidos polos bombeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade