Publicador de contidos

Publicador de contidos

A eclipse non deixa danos oculares en Galicia, aínda que as lesións poden notarse pasados uns días

A eclipse non deixa danos oculares en Galicia, aínda que as lesións poden notarse pasados uns días

O Sergas atendeu 19 persoas en relación á eclipse, pero ningunha delas relacionada coa vista

Os responsables sanitarios piden prestar atención "aos posibles cambios" na visión, como perda de nitidez ou manchas

(EFE/Xurxo Martínez) (EFE/Xurxo Martínez)
G24.gal 13/08/2026 13:35

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prestou no día de onte un total de dezanove asistencias sanitarias para atender lesións ou distintas incidencias relacionadas coa eclipse total de sol.

O servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu, entre as 19:30 horas e as 22:12 horas, un total de duascentas cincuentas chamadas, unha cifra habitual nesta franxa temporal.

Así pois, das dezanove incidencias rexistradas, once foron resoltas directamente desde a propia central do 061; mentres que as outras oito requiriron de traslados a centros hospitalarios.

Segundo a información facilitada, tratouse de oito consultas sen sintomatoloxía, seis caídas, tres crises de ansiedade, un mareo e unha síncope; polo que non cabe lamentar lesións visuais relacionadas coa observación da eclipse en Galicia.

No entanto, desde o Sergas trasladan que este reforzo en certos servizos "seguirá operativo nos próximos días" para dar cobertura a posibles necesidades eventuais derivadas deste evento e instan á cidadanía para estar "atenta aos posibles cambios" na visión, como perda de nitidez ou manchas; dado que as lesións poden manifestarse días despois de producirse.

Con motivo deste fenómeno astronómico, a Xunta de Galicia activara un dispositivo asistencial específico consistente en reforzos de persoal nos puntos de atención continuada, máis persoal facultativo en urxencias hospitalarias, oftalmólogos de garda e maior dotación dos equipos do 061 para asistencias adicionais.

Desde o Goberno galego agradecen a "responsabilidade" da cidadanía á hora de seguir as recomendacións das autoridades para o uso de lentes homologadas e a precaución á hora de desprazarse no medio de todo este operativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade