A DXT inicia unha campaña especial de vixilancia a camións e autobuses
Os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga ou o estado dos pneumáticos
Realizarán verificacións de carácter administrativo, coa examinación da documentación do vehículo e o permiso dos condutores

A Dirección Xeral de Tráfico desenvolve desde este luns unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses en Galicia. Os controis realizaranse ata o domingo día 5 de febreiro. Segundo destacou a Delegación do Goberno, os axentes farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o adecuado funcionamento da iluminación.
Realizarán verificacións de carácter administrativo, co exame da documentación do vehículo e o permiso dos condutores; comprobarán os tempos de condución e descanso e mais o consumo de alcol; tamén vixiarán a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade. A Delegación explicou que esta campaña ten unha especial incidencia en Galicia polo volume de liñas de transporte regular de viaxeiros, transporte escolar e de mercadorías que diariamente circulan polas estradas da Comunidade.
Segundo os datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a xaneiro deste ano en Galicia hai 15.765 empresas autorizadas para realizar ambos os tipos de transporte, maioritariamente loxísticas de mercadorías. Do mesmo xeito, detallou que só en Galicia o transporte público de viaxeiros move 2,5 millóns de viaxeiros ao mes, ao que habería que sumar os viaxeiros de buses urbanos, rutas escolares e transporte discrecional, o cal elevaría significativamente esta cifra.
En 2022, en Galicia faleceron tres persoas en tres accidentes relacionados con camións e sete persoas nun accidente de autobús producido no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade o día de Noiteboa. As denuncias por exceso de horas de condución, seguidas por aquelas relacionadas con irregularidades administrativas na documentación ou por exceso de peso e mala disposición da carga, son as máis relevantes.