Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un informe da defensa do capitán do Pitanxo trata de desacreditar a Samuel Koufie

Un informe da defensa do capitán do Pitanxo trata de desacreditar a Samuel Koufie

Presentan no xulgado o informe dun capitán da Mariña Mercante que conclúe que non foi o aparello embarrado o que provocou o naufraxio e resta validez ao atestado da Garda Civil

A representación de Koufie remítese aos informes independentes que farán os peritos xudiciais e insiste na veracidade da declaración do mariñeiro

G24.gal 15/12/2022 14:27

Do seu puño e letra, o capitán do Villa de Pitanxo relataba, ao chegar ao porto de San Xoán de Terra Nova o 19 de febreiro, que o motor do barco parou cando estaban facendo a manobra de virada do aparello, que non soubo o motivo, e que a auga que entraba por babor e pola popa escoraba cada vez máis o barco. 

Unha declaración formal, denominada Protesta de mar, en que Juan Enrique Padín detalla tamén:

 "Nese momento dou o sinal de abandono de buque e "ordeno pola megafonía de a bordo que toda a tripulación suba á ponte co traxe de supervivencia e chalecos salvavidas".

Aquel 19 de febreiro, Samuel Koufie escribiu que el estaba detrás das máquinas que arrían o aparello "pola parte de estribor con algúns dos compañeiros". Engadiu:

"Cando parou o motor principal o barco quedou sen defensa e o peso do aparello tiraba del para atrás, entón comezou a entrar máis auga" e "fixo o barco escorar cara a babor".

A concisa nota do mariñeiro remata asumindo a responsabilidade de non levar o traxe de supervivencia:

"Eu persoalmente decidín ir á ponte sen o traxe de supervivencia porque non me ía dar tempo, entón subín con roupa de auga".

Unha versión que, ao chegar a España, modificou porque alegou que a fixera baixo a presión do patrón e do armador. O xuíz deu credibilidade a este cambio e aos motivos que aduciu Samuel.

Eduardo Rial, o outro supervivente e sobriño do capitán, detalla que, ao igual que Samuel, no momento do accidente estaba "detrás da máquina". Así e todo, a súa versión manuscrita explica que el si puxo o traxe de supervivencia.

Estes documentos, aos que tivo acceso a Televisión de Galicia, forman parte do informe que a defensa de Juan Enrique Padín acaba de presentar no xulgado. Nel, un consultor, capitán da Mariña Mercante, conclúe que o Villa de Pitanxo estaba á deriva minutos antes do afundimento, e que isto sería incompatible cunha situación de embarre, é dicir, con que fose o aparello enganchado no fondo o que provocase o naufraxio, porque isto impediría que o barco se desprazase. 

Para iso, apóiase nos datos extraídos dos sistemas de información do barco: a caixa azul e o sistema de información automatizado (AIS), que serían compatibles cunha situación de parada de motor entre as catro menos dez e as catro e 22 da mañá do 15 de febreiro, cando se produciu o afundimento.

O informe pretende validar, polo tanto, a versión do patrón, e desacreditar a Samuel Koufie e o atestado da Garda Civil. Asegura que o último dato da caixa azul, que reflicte unha velocidade de 4,4 nós, correspóndese só cun momento puntual atribuíble a unha onda.

 "A tese do atestado da Garda Civil baseada na declaración en España do tripulante Samuel Kouffie é incompatible cos datos dados polo AIS e a caixa azul (...)".

Respecto deste informe, a representación de Samuel Koufie destaca que é interesado e responde á estratexia da defensa de tentar retratar como mentireiro o mariñeiro, que non está acusado na causa. Ademais, remítense aos informes xudiciais independentes, e non de parte, que farán os técnicos do CIAIM designados polo xulgado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade