Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prorrogan outros seis meses a instrución polo afundimento do Villa de Pitanxo

Prorrogan outros seis meses a instrución polo afundimento do Villa de Pitanxo

"Esperamos que sexa a definitiva e que pronto se decrete a apertura de xuízo oral", sinalou a voceira das familias, María José de Pazo

G24.gal 03/09/2025 11:45

O maxistrado da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, titular do xulgado de instrución 2, acordou unha nova prórroga na investigación xudicial polo afundimento do buque galego 'Villa de Pitanxo', que naufragou en augas de Terra Nova en febreiro de 2022, deixando 21 falecidos (só 9 corpos foron recuperados) e 3 sobreviventes.

Nesta causa, na que se investiga o patrón do pesqueiro, Juan Padín, por 21 homicidios imprudentes, acordáronse xa varias prórrogas e esta é a sexta ampliación do prazo de instrución, á espera das dilixencias pendentes.

Segundo lembrou a portavoz das familias dos falecidos, María José de Pazo, "quedan por facer dilixencias e queda o informe da CIAIM", a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos. Este organismo xa entregou un informe preliminar que foi cuestionado pola armadora do Villa de Pitanxo, Pesqueira Nores, e que apuntaba a un erro do patrón como causa do naufraxio, aínda que queda por entregar o informe definitivo.

"Esperamos que (esta prórroga) sexa a definitiva e que pronto se decrete a apertura de xuízo oral", sinalou María José de Pazo, que reiterou que as familias dos falecidos "confían" no maxistrado Ismael Moreno e "acatan" as súas decisións.

Igualmente trasladaron o seu desexo de que a nova prórroga non se esgote no caso de que os documentos que faltan sexan achegados antes deses seis meses.

Sentenza mercantil

A prórroga da instrución deste procedemento penal notificouse pouco despois de que se fixera pública unha sentenza, neste caso da xurisdición mercantil, que condenou a tres aseguradoras a indemnizar con algo máis de 5 millóns de euros a armadora Pesqueira Nores polo afundimento do Villa de Pitanxo.

Na súa resolución, a xuíza do Mercantil 2 de Pontevedra sinalaba que o barco pasara as inspeccións e tiña as certificacións en regra. Segundo expoñía, non hai razóns para que non se cumpra o contrato coas aseguradoras, que incluía a perda do barco por naufraxio na súa cobertura de riscos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade