Condenan tres aseguradoras a indemnizar con máis de cinco millóns a armadora do Pitanxo
O ditame confirma que as pólizas cubrían a perda total do buque polo naufraxio
As compañías alegaban incumprimentos de seguridade, pero a xuíza descártaos por falta de probas

O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra condenou tres aseguradoras a indemnizar con 5.174.012 euros a Pesquerías Nores Marín, armadora do Villa de Pitanxo, polo naufraxio do buque en febreiro de 2022 en augas de Terra Nova, onde morreron 21 dos 24 tripulantes.
A sentenza, divulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, establece que as pólizas contratadas eran “claras” e incluían dentro da cobertura a perda total do barco por naufraxio. En concreto, obriga a Mapfre España a pagar 3.104.408 euros, á Sociedade de Seguros Mutuos Marítimos de Vigo 1.034.802 euros e á Mutua de Seguros de Armadores de Buques de Pesca en España outros 1.034.802 euros.
O pesqueiro estaba en regra
A xuíza conclúe que non se acreditou ningunha circunstancia que xustifique excluír a cobertura e lembra que ao asegurado abóndalle demostrar que o dano se produciu durante a navegación, sen ter que probar a causa exacta. Subliña que o buque pasara con éxito todas as inspeccións regulamentarias, tiña en regra os certificados oficiais e renovara a documentación técnica tras diversas revisións.
O argumento de Mapfre de que o barco non cumpría coa normativa cualifícao a maxistrada como “mera alegación orfa de sustento probatorio”. Tamén descarta que houbese neglixencia do armador polos contaxios de covid-19, xa que constan as medidas adoptadas polo capitán.
Sen probas de sobrecarga nin escora
As aseguradoras sostiñan que o Pitanxo viaxaba sobrecargado con combustible en compartimentos non declarados, pero a xuíza coincide cos peritos da armadora en que iso é “inverosímil” polas múltiples inspeccións superadas. Tamén rexeita que partise con escora permanente a babor de tres ou catro graos, ao non haber probas nin relación co afundimento.
Sobre a alegación de que o barco navegaba en zona non autorizada por formación de xeo, a sentenza conclúe que, mesmo aceptando esa hipótese, non queda demostrado que esa circunstancia quede fóra da cobertura da póliza nin que lexitime a oposición ao pago.
O fallo non é firme e pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.