Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece o polémico avogado Emilio Rodríguez Menéndez

Falece o polémico avogado Emilio Rodríguez Menéndez

Saltou á fama durante os anos 80 e 90 do século pasado por defender personaxes mediáticos e polas súas frecuentes aparicións en controvertidos programas de televisión

Arquivo (Europa Press) Arquivo (Europa Press)
EFE 17/10/2025 09:44 Última actualización 17/10/2025 10:44

O polémico avogado Emilio Rodríguez Menéndez, coñecido por ser defensor de personaxes mediáticos como El Dioni ou La dulce Neus faleceu en Madrid aos 75 anos.

Segundo adiantou Telecinco e confirmaron a EFE fontes próximas ao letrado, Menéndez faleceu no Hospital Central da Cruz Vermella, San José e Santa Adela, en Madrid, tras pasar semanas ingresado.

Naceu en Madrid, o 16 de outubro de 1952 e na súa carreira profesional destacou polas súas intervencións en casos que lograron gran notoriedade nos medios de comunicación.

Defendeu entre outros a Nieves Soldevilla, 'la dulce Neus', acusada de matar o seu marido; os policías condenados pola desaparición de Santiago Corella; El Nani ou a Dionisio Rodríguez, 'El Dioni', garda de seguridade que en 1989 roubou un furgón con 298 millóns de pesetas, algo menos de 2 millóns de euros. 

Tamén levou a acción popular nos casos Roldán, Filesa e Fondos reservados.

Sempre na polémica

En non poucas ocasións viuse envolto na polémica. En 2002 foi condenado a dous anos de cárcere e unha multa de 3.420 euros por un delito contra a intimidade relacionado coa gravación e publicación en 1998 polo diario Ya, do que foi o seu presidente-editor, de fotogramas dun vídeo sexual, onde aparecía o director do Mundo, Pedro J. Ramírez.

En 2005 a Audiencia Provincial de Madrid condenouno tamén a seis anos de prisión por un delito continuado contra a Facenda Pública, impúxolle unha multa de 24.753.698,52 euros e condenouno a indemnizar a Facenda con 1.839.716,85 euros.

Finalmente foi detido ese mesmo ano en Bos Aires, pero ao día seguinte foi posto en liberdade, ao estar acusado dun "delito menor", excarcerable para a lexislación local, e desde España solicitouse á Arxentina a súa extradición.

En 2006 foi detido en Fuentes de Oñoro (Salamanca), tras fuxir do aeroporto de Lisboa, cando axentes portugueses tentaron identificarlle, polo que ingresou en prisión.

En agosto de 2008 saíu da prisión de Teixeiro, na Coruña, para gozar dun permiso de catro días, pero quebrantou a súa condena e non regresou. Catro días despois ditouse unha nova orde de busca e captura contra el e finalmente foi novamente detido en Bos Aires pola Interpol.

En 2023 recibiu unha das súas últimas condenas, nesta ocasión por unha estafa nun negocio de compra-venda de petróleo e facelo en calidade de avogado cando estaba suspendido como tal.

Os feitos ocorreron en 2014, cando o famoso avogado ofreceu ás tres vítimas actuar como intermediario nun proxecto de compra-venda e subministración de hidrocarburos coa entidade estatal YPF en Bos Aires.

Vida sentimental azarosa

Tivo tamén unha vida sentimental azarosa. Estivo casado en polo menos catro ocasiones. A primeira, en 1976, con Pilar Marqueta, coa que tivo dous fillos. En 1978 casou coa chilena Viviana Gimeno, da que se separou en 1996, e dous anos despois contraeu matrimonio con Laura Fernández.

Esta última foi acusada de contratar uns sicarios para matalo. O avogado foi ferido gravemente o 17 de xuño de 1999 cando chegaba ao seu domicilio das Rozas (Madrid). A súa entón muller foi condenada a once anos e seis meses por planear co autor dos disparos o seu asasinato.

En maio de 2005 contraeu matrimonio coa exmasaxista Vanessa Palomar, á que deixou abandonada en 2006 xunto a un maletín de 45.000 euros no aeroporto de Lisboa, para fuxir da policía.

Tamén foron coñecidos os seus vínculos con mulleres do panorama mediático da época como Nuria Bermúdez, quen saltou á fama tras asegurar manter relacións con Antonio David Flores, exmarido da filla de Rocío Jurado, Rocío Carrasco.

Precisamente, Antonio David foi socio de Rodríguez Menéndez na revista Dígame, que difundía informacións de dubidosa veracidade e que foi obxecto de querelas por inxurias e calumnias como a que lle custou seis meses de prisión e o pago dunha multa por difamar ao xornalista Fernando Jáuregui. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar