A Coruña porá un tope ao prezo dos seus alugueres
Converterase na primeira cidade galega que aplique esta medida
O Goberno central publicou este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) a declaración de zona de mercado residencial ten ensión nun total de 23 municipios españois. Entre eles está A Coruña, que por tanto desde este mércores se converterá oficialmente na primeira cidade galega con esta condición.
Segundo trasladan a Europa Press fontes do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, ao sumarse A Coruña, Donostia (Euskadi) e outros 21 municipios de Navarra, xa haberá 8,28 millóns de persoas que viven en zonas en tensión.
Ademais, o departamento que dirixe Isabel Rodríguez prevé que pronto se inclúan na listaxe Santiago de Compostela, aínda que o proceso podería dilatarse meses porque a Xunta requiriu ao Concello unha corrección de documentación, e municipios de Asturias e mais de Euskadi.
A Coruña será o primeiro municipio de Galicia que poderá controlar os prezos do alugueiro. O goberno local solicitou a declaración en marzo e a finais de maio recibiu o visto e prace da Xunta.
Agora, o Ministerio de Vivenda verificou que cumpre cos requisitos legais e publicouno no BOE, polo que a declaración de zona en tensión entrará en vigor este mércores por un período de tres anos.
Que implica esta declaración?
A declaración de zona do mercado residencial en tensión permite poñer tope aos alugueiros en zonas onde os incrementos de anos anteriores fosen desproporcionados.
Este mecanismo limita os prezos dos novos contratos de arrendamento, que terán que estar axustados ao prezo do contrato anterior, e inclúe bonificacións fiscais para os propietarios que rebaixen a mensualidade aos seus inquilinos.
Do mesmo xeito, establécese para estes municipios un índice de prezos para o alugueiro que todos aqueles grandes propietarios de vivenda están obrigados a seguir nos seus contratos.
A declaración tamén obriga a que as administracións executen un plan de medidas para incrementar a oferta de alugueiro e que no prazo de tres anos a situación de alza de prezos poida ser revertida.
Así mesmo, defenden que a aplicación de zonas en tensión favorece aos inquilinos ao limitar os arrendamentos, pero tamén aos pequenos propietarios que son bos caseiros e poñen as súas propiedades en alugueiro respectando o índice de referencia. De feito, pódense deducir ata un 90 % do que ingresen se baixan o prezo un 5 %.
Satisfacción
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a declaración da capital herculina como zona de mercado residencial tensionado e pediu á Xunta "lealdade institucional, respecto institucional e cooperación", así como "colaboración" para aplicar as medidas que permite a normativa.
En declaracións aos medios, a rexedora valorou que A Coruña sexa a primeira cidade de Galicia en obter esta declaración, que chega, apuntou, despois de "moitos meses de traballo, diálogo e análise" ante unha situación "complicada" do mercado do alugueiro.
Nesta liña, Inés Rey recoñeceu que resulta "practicamente imposible" poder alugar unha vivenda na cidade, o que levou a tomar esta decisión que hoxe se culmina como "unha decisión que transforma a vida da xente".
Rueda cre que non é a solución
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, opinou este martes que a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado "non é unha solución senón todo o contrario" e espera equivocarse porque "o que interesa é solucionar os problemas de vivenda".
Emprazou ao Concello para exercer "as accións que lle permite esa declaración" e destacou que a Xunta cumpriu a súa obrigación de cumprimentar os trámites para aprobar a iniciativa.
"Sinceramente creo, porque xa está declarada noutros lugares, que non soluciona os evidentes problemas de vivenda que hai, pero o Concello da Coruña é moi libre de pedila", opinou.