A Coruña abre o prazo para solicitar permisos para as cacharelas do San Xoán
Hai moitas de ganas de festa tras os anos escuros da pandemia
As cacharelas volverán iluminar a praia de Riazor
"Todo o mundo di que vai ser espectacular, hai moitas ganas", apunta Antonio Vargas, membro da Asociación de Hostalaría Emilia Pardo Bazán.
E non é para menos. A Coruña recupera o seu San Xoán máis tradicional, o que enche Riazor de luminarias e ateiga barrios e rúas con churruscadas, sardiñadas, música e diversión.
"Todo o mundo intenta nos barrios ter charanga", conta
"Sacamos as grellas ao aire, poñemos barras fóra, temos grupos de música, disc-jóckey e animación e a rúa sempre está moi concorrida e xa é un evento que está consolidado", continúa o hostaleiro.
Para concorrida a praia de Riazor. É o epicentro da festa.
A praia normalmente ocúpase ben por familias, ben por grupos de xente coas súas propias luminarias, grelladas, churruscadas. Aí hai que ir quitar o meigallo", informa Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá.
No Concello xa se poden solicitar os permisos para facer as cacharelas e as actividades nas rúas. Están deseñando un dispositivo especial de seguridade.
"Efectivamente tanto sanitario, Protección Civil, ambulancias, bombeiros, policía e ademais ampliado precisamente porque ese mesmo día temos unha festa enorme tamén na Coruña, como é o concerto de Alejandro Sanz, o mesmo día co cal o dispositivo ten que fornecerse a nivel tamén de transporte público, mobilidade de tráfico etc, etc", informa o concelleiro.