A contaminación causa 1.200 mortes de menores ao ano en Europa
Máis do 90 % da poboación urbana da Unión Europea está exposta a niveis daniños de dióxido de nitróxeno, ozono e partículas finas

A polución do aire causa máis de 1.200 mortes prematuras anuais en menores de dezaoito anos en Europa e aumenta de forma significativa o risco de padecer enfermidades máis adiante, sinalou este luns nun informe a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEME).
"Os nenos e adolescentes son particularmente vulnerables á contaminación do aire porque os seus corpos, órganos e sistemas inmunes aínda están en desenvolvemento", advirte a Axencia Europea de Medio Ambiente.
O estudo resalta que, aínda que o número de mortes neste grupo de idade é relativamente baixo con respecto a outros, representa unha "perda" de potencial futuro e unha carga notable de enfermidades crónicas, tanto na infancia como máis tarde.
As funcións pulmonares dos nenos e o desenvolvemento pulmonar vense afectados sobre todo polo ozono e o dióxido de nitróxeno a curto prazo e polas partículas finas do aire a longo prazo.
"A exposición maternal á polución do aire durante o embarazo está relacionada co baixo peso ao nacer e o risco de parto prematuro. E aumenta máis adiante o risco de problemas severos, incluído asma, función pulmonar reducida, infeccións respiratorias e alerxias", explica a AEMA.
Este organismo con sede en Copenhague insta a mellorar a calidade do aire ao redor das escolas e garderías e durante o desenvolvemento de diferentes actividades.
O informe destaca que, a pesar das melloras rexistradas nos últimos anos, o nivel de contaminantes atmosféricos mantense "obstinadamente alto" con respecto ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en moitos países europeos, sobre todo no centro e o leste, ademais de en Italia.
O motivo é a queima de combustibles como o carbón para calefacción doméstica e uso industrial.
Máis do 90 % da poboación urbana da Unión Europea está exposta a niveis daniños de dióxido de nitróxeno, ozono e partículas finas, segundo datos de 2021.