A UE revisará o Acordo de Asociación con Israel a pedimento de España e outros 16 países
Faino ante a situación insostible, insoportable e inhumana que hai na Franxa de Gaza

A Unión Europea revisará o Acordo de Asociación con Israel por mor da reclamación dun grupo de 17 países, entre eles España, á Alta Representante da UE para Política Exterior Kaja Kallas conforme ao artigo 2 relativo á necesidade de respectar os Dereitos Humanos, ante a situación insostible, insoportable e inhumana que hai na Franxa de Gaza.
Así o confirmaron a Europa Press varias fontes diplomáticas, que confirman que unha maioría de países se sumou ás peticións realizadas por España, Irlanda, Eslovenia e Luxemburgo, por unha banda, e por Países Baixos, que xa contaba co apoio dunha decena de Estados membros.
Polo seu lado, o ministro de Exteriores holandés, Caspar Veldkamp, solicitaba unha revisión do cumprimento do Artigo 2 o máis axiña posible, xa que, ao seu xuízo, o bloqueo humanitario constitúe unha violación das obrigacións de Israel en virtude do Dereito Humanitario Internacional e, por tanto, do artigo 2 do Acordo de Asociación.
"Son consciente de que Israel está a propoñer un novo sistema de distribución da axuda. Aínda que polo de agora se descoñecen moitos detalles, este sistema non parece compatible cos principios humanitarios de neutralidade, imparcialidade e independencia e non permitiría a distribución incondicional e sen trabas da axuda ás persoas necesitadas", sinala o ministro, para quen todo iso merece unha reflexión e un debate máis amplo sobre a relación da UE con Israel.