Bruxelas acorda levantar todas as sancións económicas a Siria
A UE busca favorecer a recuperación da economía dese país tras a caída do réxime de Bashar al-Assad

Os ministros de Exteriores da Unión Europea chegaron este martes a un acordo para suspender todas as sancións económicas que aínda aplican a Siria, co obxectivo de favorecer a recuperación da economía dese país tras a caída do réxime de Bashar al-Assad.
Con todo, pactaron manter as medidas restritivas contra Assad e a súa contorna ou en relación con violacións de dereitos humanos, informou a alta representante da UE para Asuntos Exteriores e de Seguridade Kaja Kallas nunha conferencia de prensa ao remate do Consello de Ministros de Exteriores comunitarios.
"Esta decisión é reversible e está condicionada tamén ao progreso. Non pode haber paz sen o camiño cara á recuperación económica, e todos necesitamos unha Siria estable", agregou.
A finais de febreiro, o Consello da UE xa decidira suspender as sancións que tiña impostas aos sectores do transporte e a enerxía de Siria a fin de apoiar unha transición política integradora no país e unha rápida recuperación económica, reconstrución e estabilización.
Co acordo deste martes, os ministros levantarán as sancións económicas que quedaban, relacionadas principalmente co sector financeiro, segundo fontes diplomáticas.
A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen dixo a través de redes sociais acoller con satisfacción a decisión de levantar estas restricións a Siria.
“O camiño cara á recuperación aínda é longo, pero Europa está disposta a colaborar con Siria ao longo do mesmo”, indicou. Queremos ser socios no crecemento de Siria xunto aos nosos aliados na rexión e fóra dela. A reconciliación é o primeiro paso crucial cara á reconstrución”, concluíu.
Pola súa banda, o presidente do Consello Europeo tamén celebrou a decisión.
"O acordo demostra que a UE segue á beira do pobo sirio, como fixemos no pasado e faremos no futuro”, asegurou António Costa.
Lembrou que xa lle transmitiu en marzo ao presidente interino de Siria que a UE se compromete a apoiar unha transición pacífica e integradora, dirixida e controlada polos sirios, para axudar a construír un futuro mellor para todos os sirios.