A Consellería de Sanidade dá por finalizada a onda estacional de gripe
O informe de Sanidade sobre a actividade das enfermidades respiratorias sinala que a tempada de gripe finalizou, ao reducírense nun 32 % as consultas
Imaxe de arquivo
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade considera que a onda estacional da gripe xa finalizou, ao manterse durante dúas semanas consecutivas o nivel basal de intensidade e reducirse as consultas e os ingresos.
No informe que Sanidade publica na súa páxina web, sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á quinta semana do ano que finalizou o día 1 deste mes de febreiro, sinálase que a taxa de consultas diminuíu un 32 % respecto á semana previa, e queda en 16,8 por 100.000 habitantes.
O descenso, segundo o citado informe, produciuse en todos os grupos de idade, destacando a diminución do 69,1 % no grupo de 0 a 4 anos. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas tamén descendeu en todas elas.
No que se refire aos ingresos por gripe, fixérono 65 persoas, un 34 % menos que na semana anterior (99 ingresos). A taxa de ingresos foi de 2,4 por 100.000 habitantes, e o descenso produciuse en todos os grupos de idade. Por áreas sanitarias, non se observou ningún aumento da taxa.
No que vai de tempada, notificáronse 4.076 ingresos, a maioría deles (4.060) con virus de tipo A.
A rede de 'farmacias sentinela' que colabora coa Consellería de Sanidade, traslada que, na última semana, as taxas de dispensación de antigripais descendeu un 20,2 %, mentres que a de probas de antíxenos mantívose estable.
En canto á porcentaxe de positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, na semana obxecto do informe foi do 5,4 %, o que supón un descenso respecto da anterior (7,6 %).
Sanidade informa de que esta situación seguirase monitorizando durante a tempada de virus respiratorios, co fin de detectar cambios relevantes.