A conselleira do Mar rexeita que a anguía se declare especie en perigo de extinción
Un estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas advertiu o ano pasado de que a anguía se atopa en "perigo crítico de extinción" desde hai un par de décadas
A representante da Xunta criticou a intención do Goberno central de prohibir a captura desa especie, que atribuíu a un "rumbo ambientalista" da Unión Europea
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, rexeitou este mércores a proposta do Goberno de declarar a anguía unha "especie en perigo de extinción", por considerar que esa medida prexudicaría os pescadores galegos.
Villaverde expresou esa postura en declaracións a un grupo de xornalistas tras reunirse, a petición propia, con representantes das confrarías de pescadores das rías de Vigo, Arousa e Ferrol, alegando que son as "máis representativas" na pesca desa especie.
Villaverde asegurou que nos últimos anos houbo unha serie de medidas en Galicia para "restrinxir" a pesca da anguía, pero asegurou que "os datos avalan que se está xestionado dunha forma sostible e responsable".
Un estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) advertiu o ano pasado que a anguía se atopa en "perigo crítico de extinción" desde hai un par de décadas.
A representante da Xunta criticou a intención do Goberno central de prohibir a captura desa especie, que atribuíu a un "rumbo ambientalista" da Unión Europea que está "a primar sobre o compoñente social e económico das comunidades costeiras" galegas.
En Arcade, O Carril e Ferrol hai "barcos que dependen exclusivamente da anguía", sinalou a titular de pesca da Xunta, e advertiu de que poden resultar "moi afectadas" polo impacto de tal prohibición.
"Non entendemos que unilateralmente o Goberno central decida prohibir esta especie en España" mentres "o resto da Unión Europea siga pescando" anguía, unha "fonte económica para moitas familias de pescadores galegos", salientou.