Publicador de contidos

Publicador de contidos

A confraría de Cambados sementa 600 quilos de ameixa babosa

A confraría de Cambados sementa 600 quilos de ameixa babosa

Sementan hoxe un millón de exemplares para apañalos dentro dun ano

Os mariscadores de Cambados durante a sementeira de ameixa babosa
G24.gal 26/08/2022 14:58

Teñen agora o tamaño aproximado dunha moeda de euro, e terán que engordar ata aos 3,8 centímetros como mínimo para poder comercializalas. Esta son as ameixas que os mariscadores en embarcación de Cambados apañarán dentro dun ano.

"Esta ameixa coa talla que ten hoxe, que ten unha talla media de 18 milímetros pois aproximadamente entre 10 e 12 meses debería acadar a talla comercial", apunta Carlos Mariño, asistencia técnica da confraría de pescadores de San Antonio de Cambados.

O índice de mortaldade é máis elevado nos bancos en embarcación que a pé, ás veces do 50 por cento porque son moitos os depredadores que as asexan.

 "Principalmente nestas zonas son os cangrexos, varias especies de cangrexos e despois as ouxas tamén que son unha especie de raia que se sitúa enriba do substrato e levanta ameixa e tamén come ameixa".

Mentres que nas praias sementan ameixa xapónica nos bancos marisqueiros en embarcación optan pola babosa.

  "A ameixa babosa é unha especie que vive no subareal sempre somerxida, mentres que a xapónica é unha ameixa que vive nas zonas intermareais nas que sobe e baixa a marea", continúa Carlos Mariño.

Esta mañá botaron 1 millón de ameixas nunha superficie duns cen mil metros cadrados. Nesta confraría levan 2 décadas mercando o bivalvo moi pequeno e facéndolles eles mesmos un preengorde de tres meses para abaratar custos.

 "Comprámola en 7 milímetros que ten un prezo ao redor dos 8.000 euros por exemplo e preengordámola ata unha talla de 18 milímetros, ou sexa tería un prezo no mercado de 18.000 euros".

O éxito de iniciativas coma esta radica no traballo colaborativo de todos e cada un dos membros da confraría que á parte de mariscadores tamén son a un tempo acuicultores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade