O paso que demostra que se poden borrar fronteiras: a ponte de Tui celebra 140 anos
Ducias de persoas cruzan cada día por traballo, para facer compras ou para acceder a servizos públicos compartidos
Os alcaldes dos dous lados do viaduto celebraron un acto institucional para celebrar a relación entre os pobos
Só unhas pegadas debulladas un chan lembran que unha vez alí houbo unha fronteira. Durante séculos, o río Miño separou dous países pero en 1886 quedaron algo máis unidos. Foi coa inauguración da Ponte Internacional de Tui, o primeiro dos cinco viadutos que hoxe conectan Galicia e Portugal sobre o Miño e que durante 110 anos foi o único.
Os municipios de Tui e de Valença celebraron este 25 de marzo un sinxelo acto institucional para celebrar o aniversario. A ponte, hoxe, é unha auténtica vía de unión entre as dúas vilas. Cada día cruzan por alí ducias de peóns, bicicletas e coches. Tamén varios trens e, agora, moitos peregrinos. Xente dun e do outro lado pasa para compras, para dar un paseo ou, incluso, para acceder a algúns servizos públicos que os dous concellos teñen compartidos, como a piscina, que está en Portugal.
"Eu veño andar moitas veces, tomo un cafeciño... Hoxe é feira...", di unha veciña de Tui.
"De paso que vimos, pasamos a mañá, saudamos... Somos veciños-irmáns", engade un home que veu camiñando dende Guillarei.
"Eu vivo en España pero traballo en Portugal así que adoito pasar case todos os días", explica un mozo venezolano establecido en Galicia.
"Teño a casa en Valença e fago o traxecto todos os días", completa o que foi cónsul de España na vila portuguesa.
"Se chegaría a imaxinar a vida sen a ponte? Pois a verdade é que agora mesmo sería difícil", reflexiona unha muller que entra en Portugal dende Tui.
A ponte é agora unha rúa máis da eurocidade que crearon en 2012 Tui e Valença para facer formal a súa relación. É unha proba de ferro, literalmente, de como pode cambiar a historia.