Publicador de contidos

Publicador de contidos

A CiUG ábrese a compensacións pola pregunta polémica de bioloxía na PAU

A CiUG ábrese a compensacións pola pregunta polémica de bioloxía na PAU

Presentan as primeiras reclamacións pola dificultade do exame e, en concreto, pola pregunta sobre a creación de novas vacinas

A CiUGA xustifícao polo cambio de modelo máis competencial e asegura que a resposta estaba no propio texto

G24.gal 05/06/2025 14:38 Última actualización 05/06/2025 15:10

A pregunta trataba sobre a creación de vacinas para adaptarse á mutación dos virus e o que mutou (ou mudou) foron as caras dos alumnos que tiñan que respondela.

"Un exame bastante complicado, comparado co nivel que tivemos en segundo de bacharelato. Eu pensaba que ía moi preparada e, de feito, era a materia que mellor levaba, pero a pregunta 1.5 era algo que non estaba dentro dos nosos coñecementos".

"A pregunta competencial era bastante complicada. Había apartados que podías sacar do texto, pero o resto, superdifícil", coinciden dúas aspirantes a estudar Medicina.

Quéixanse da dificultade do exame de bioloxía en xeral e desa pregunta 1.5 en concreto. A CiUG, encargada das probas PAU, xustifícaa.

"Tivemos un cambio de modelo. O modelo agora é máis competencial. Tratábase de que o alumno lese antes o texto explicando por que temos un Premio Nobel e nese texto estaba a resposta á pregunta, pero non foron capaces de velo", explica Maite Flores, presidenta da CiUGA.

Coinciden na autocrítica profesores da materia de segundo de bacharelato. Falta capacidade de razoamento.

"Comprendo que os alumnos poden estar desconcertados porque para eles é un exame inusual, pero hai que ter en conta que houbo un cambio nas probas PAU e está en consonancia con eses cambios. A bioloxía é unha ciencia asociativa e talvez esa é unha das dificultades da bioloxía", xustifica Sandra Vázquez, profesora de Bioloxía no IES Rosalía de Castro.

Con todo, as primeiras reclamacións non se fixeron agardar. O IES García Barros foi dos máis madrugadores.

"Foi unha subida moi grande de nivel. A fonte da que sacan o artigo é unha revista que utilizan moito os universitarios, pero os nosos alumnos non son aínda universitarios", discrepa Regina Puente, directora do IES García Barros da Estrada.

A CiUG descarta, como se estendeu por redes, anular o exame, pero ten opcións enriba da mesa.

"Se nos damos de conta de que a gran maioría non respondeu a esa pregunta, tomaremos as medidas oportunas. Seguramente, anularemos ou non teremos en conta esa puntuación para aqueles que non responderon", adianta a presidenta da CiUG.

Acudindo ao chat GPT como árbitro, esta ferramenta de intelixencia artificial considera que o exame ten unha dificultade dun 7/10, apto, di, para estudantes con preparación media-alta. Casualmente, os máis prexudicados por este exame son os alumnos que aspiran a entrar en Medicina e nas carreiras biosanitarias.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade