A chuvia deu unha tregua pero boa parte de España está en aviso por vento, neve e ondas
Na provincia de Castellón hai risco extremo por ventos furacanados
Boa parte de España está en aviso polo vento. Na serra madrileña, por exemplo, hai refachos de ata 100 quilómetros por hora, pero é na áerea mediterránea onde sopra con máis forza.
Na Comunidade Valenciana enviáronse mensaxes de Es-Alert nas tres provincias. A de Castellón está en risco extremo por ventos furacanados. Alí xa se rexistraron refachos de 172 quilómetros por hora.
A DXT limitou a 80 a velocidade polas estradas da provincia e prohibiu que os camións adianten e RENFE suprimiu varios servizos.
As autoridades pídenlle á cidadanía que extreme as precaucións.
"Non saír á rúa senón é imprescindible, evitar ao máximo os desprazamentos, alonxarse de zonas onde haxa carteis publicitarios ou zonas onde haxa árbores", aconsellaba o conselleiro de Emerxencias da Comunidade Valenciana.
Tamén se enviaron mensaxes de Es-Alert polo vento no sur e no norte de Cataluña, onde o 112 acumulou xa durante a noite un centenar de incidencias.
O temporal ten ademais en aviso por vento e ondas no mar case toda a costa española.
"Non estamos afeitos a ver isto e é un espectáculo, un espectáculo da natureza", dicía unha muller de visita nas Illas Baleares.
O vento e o mar son o peor pero hai tamén avisos por nevadas importantes na metade norte da península e todo ocorre sen superar aínda os efectos das chuvias pasadas, que manteñen milleiros de persoas desaloxadas, sobre todo en Andalucía.
Esta mañá na provincia de Soria aínda acordaron novos desaloxos pola enchente do Douro. Noutros puntos vixían igualmente ríos e encoros, como en El Robledo, en Cidade Real, onde pasaron unha noite complicada pendentes do Bullaque.