A chuvia desluciu o domingo oleiro infantil no Entroido de Xinzo
Esta tarde serán os adultos os que farán voar as olas de barro
Durante todo o día, música con grupos como Tarde Piaches ou Os Jalos de Antioquía
En Xinzo de Limia continúa a roda do Entroido. É domingo oleiro, unha tradición na que participan centos de persoas e que consiste en pasar unha ola con auga dun a outro ata que cae ao chan.
Ao mediodía saíu do Museo do Entroido de Xinzo o carro coas olas necesarias para celebrar o domingo oleiro infantil, que precede o dos adultos.
Unha vez na praza maior e baixo a atenta mirada do Meco colgado na véspera, comeza o lanzamento destes recipientes de barro que os veciños da vila utilizaban hai décadas para ir buscar auga á fonte. Daquela, as que xa non servían usábanas os mozos para xogar ou alternar. Este domingo, o xogo durou menos tempo pola chuvia e foi en ocasións unha actividade perigosa.
Rapaces, veciños e visitantes atenderon a recomendación dos organizadores e acudiron disfrazados de principios do século pasado,
Algúns con algo de afonía tras a festa nocturna que seguiu ao colgamento do meco.
O oleiro infantil rematou, no chan quedan os restos das olas que non chegaron ás mans de ninguén. Tras o xantar serán os adultos os que fagan voar as olas de barro.