Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca Ivo abandona Galicia deixando un ronsel de incidencias: 372 avisos

A borrasca Ivo abandona Galicia deixando un ronsel de incidencias: 372 avisos

O refacho máis forte de vento rexistrouse este mércores en Viveiro (166 km/h), pero aínda esta madrugada se superaron os 100 km/h nalgúns lugares

As alertas por neve na montaña de Lugo e por ondas en toda a costa irán desactivándose segundo avance a xornada

G24.gal 30/01/2025 10:03 Última actualización 30/01/2025 14:29

A borrasca Ivo abandonou Galicia tras provocar cando menos 372 incidencias, segundo informa o servizo de emerxencias 112 Galicia.

Aínda esta noite, antes de que chegase a calma, os ventos alcanzaron os 102 quilómetros por hora de velocidade en Folgoso do Courel. Foi ás 02:40 da madrugada deste xoves. Porén, esa cifra queda lonxe da rexistrada en Viveiro este mércores, de 166,5 km/h, ou das contabilizadas en Carballeda de Valdeorras (157 km/h) e Cedeira (137,5 km/h).

O balance que fai 112 Galicia dá conta de que a maioría das incidencias (120) se produciron por árbores ou pólas nas estradas. Ademais, os servizos de emerxencias tiveron que actuar en 86 ocasións para previr riscos.

Contabilizáronse 42 incidentes relacionados con obxectos en rúas e estradas, 34 por cables na vía e 18 derrubamentos.

A provincia máis afectada foi A Coruña, con 156, seguida por Pontevedra (125), Lugo (62) e Ourense (28), mentres que os municipios con máis incidencias foron Vigo (43), Pontevedra (12), Santiago (16), A Coruña (8), Burela (8), Narón (7) e Vilalba (5).

Producíronse varios accidentes de tráfico por mor dos fenómenos meteorolóxicos adversos, aínda que ningún de especial gravidade.

O río Miño vai desbordado ao seu paso pola cidade de Lugo e asolagou parte do paseo de ribeira. Tamén hai algunhas estradas locais asolagadas na comarca da Terra Chá.

Permanece activo o plan de control sobre o caudal dos ríos (Inungal), xa que varios superaron os limiares marcados para activar o aviso.

Segundo os últimos datos facilitados polos diferentes organismos de xestión das concas hidrográficas, os ríos que aumentaron considerablemente o seu caudal e poden experimentar desbordamentos son o Azúmara (Castro de Rei), Miño (Lugo), Mandeo (Aranga), Anllóns (Ponteceso), Tambre (Oroso) e o Lérez (Pontevedra).

Aínda en alerta amarela por neve

Aínda que se mantén ata o mediodía a alerta amarela na Montaña de Lugo por neve, nas últimas horas houbo máis chuvia que neve en boa parte desa zona da provincia.

A primeira hora da mañá os vehículos pesados transitaban con precaución pola A-6 e a N-6 á altura de Pedrafita do Cebreiro, e prohibiuse o paso de camións pola estrada provincial que vai de Pedrafita a Triacastela.

Na A6, antes do túnel do Cereixal, produciuse esta mañá unha colisión por alcance entre unha furgoneta e un camión, pero só houbo que lamentar danos materiais. 

Mellora a situación no mar

Tamén permanece activa unha alerta no litoral, que este xoves é xa de nivel laranxa nas costas das tres provincias.

O aviso irase desactivando cara ao mediodía, pero aínda esta tarde as costas de Lugo e A Coruña estarán en alerta amerala por ondas duns catro metros de altura. Xa de cara ao venres agárdase que xa estean desactivados todos os avisos na costa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade