A Xunta activa a alerta de nivel 1 por calor no sur da provincia de Pontevedra
Aviso amarelo por altas temperaturas en Ourense, Valdeorras, o Baixo Miño e as Rías Baixas
Agárdanse ventos con intervalos de forza 7 no litoral noroeste da Coruña e na Costa da Morte

A Xunta activou a alerta de nivel 1 por episodio de calor no sur da provincia de Pontevedra, concretamente nas zonas isoclimáticas do litoral e do Baixo Miño.
Segundo informa nun comunicado, ao longo dos próximos días esta situación de alerta estenderase, probablemente, tanto en intensidade como en duración, a outras zonas de Galicia.
A Consellería de Sanidade aconsella beber máis líquidos sen agardar a ter sede, sobre todo, auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas.
Do mesmo xeito, recomenda aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas, e usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras.
Tamén aconsella evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física.

Aviso amarelo
Galicia continúa baixo influencia das altas presións situadas ao noroeste, con circulación do nordés. Segundo informa MeteoGalicia, só haberá nubes de estancamento no norte da provincia de Lugo, mesmo sen descartar algún orballo na Mariña.
As temperaturas mínimas non van experimentar demasiados cambios e nalgúns puntos, como Pontevedra, os termómetros non baixarán dos 19 graos centígrados.
As máximas continúan en ascenso polo que se activa o aviso amarelo por calor en Ourense e Valdeorras, onde se agardan máis de 36ºC, e nas Rías Baixas e o Baixo Miño, con previsións por riba dos 34ºC.
Tamén hai aviso amarelo por forte vento do nordés entre Bares e Fisterra, con intervalos de forza 7 no litoral noroeste da Coruña e na Costa da Morte.

Aumento a partir do domingo
A partir do domingo irá achegando unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana que ocasionará un importante incremento das temperaturas. En moitos puntos, os termómetros moveranse entre os 35 e os 40 graos.
Este episodio prolongarase nos vindeiros días da próxima semana, polo menos ata o mércores, aínda que nalgunhas zonas podería prolongarse ata o xoves.