A orografía, as brétemas e o nordés condicionan as temperaturas en distintas zonas de Galicia
Mentres en Ourense se superan os 40 graos, nas Rías Baixas ou na Mariña luguesa mantense unha temperatura algo máis fresca
Este luns as temperaturas descenden algo no litoral pero na provincia de Ourense, en Miño de Ourense, Valdeorras, Ribeira Sacra sur e Miño de Pontevedra continuará a calor
O aviso xa non será vermello, será laranxa con temperaturas máximas por riba dos 38 ou 39 graos
Despois de tantos días de calor abafante en boa parte de Galicia, este luns comezan a baixar un chisco as temperaturas. Aínda así, no sur de Ourense, Lugo e Pontevedra vanse manter os avisos amarelo e laranxa.
Continuamos baixo o dominio dunha masa de aire cálido procedente do norte de África. As temperaturas seguen a ser extremas e este domingo está a ser o peor día.
"A posición do anticiclón das Azores, entre precisamente Galicia e Portugal permite que en Galicia haxa temperaturas tan elevadas. Estamos por riba dos 39 graos en moitas zonas do sur de Galicia, en concreto Valdeorras, Ourense, Leiro, Ribadavia, Arnoia, todo ese sector pode superar os 42 graos de temperatura, é aviso extremo", di Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia.
Son moitas xornadas de calor abafante. A vindeira semana parece que mellora un chisco segundo a previsión de MeteoGalicia.
"É certo que as temperaturas mañá descenden algo no litoral, na parte noroccidental de Galicia, pero na provincia de Ourense continuará a calor, en Miño de Ourense, Valdeorras, Ribeira Sacra sur, Miño de Pontevedra estaremos por riba dos 38 ou 39 graos, é aviso laranxa, xa non é vermello. Aínda continuará a calor o martes, mércores e xoves no interior de Galicia", engade.
A pesar da vaga de calor, en Galicia hai moito contraste de temperaturas dependendo das zonas. Mentres en Ourense supéranse os 40 graos, nas Rías Baixas ou na Mariña luguesa mantense unha temperatura algo máis fresca.
A orografía é un condicionante en canto á diferenza de temperaturas en poucos quilómetros de distancia, Tamén inflúen as brisas e brétemas e o vento do nordés.
"Entre A Guarda e Cabo Silleiro é certo que o factor brétemas que veñen desde Porto, a zona de Camiña poden condicionar a temperatura. Se estás situado en Salceda de Caselas, as Neves ou O Porriño aí xa non temos esa brétema polo tanto pode haber unha diferenza de entre 12 e 15 graos de temperatura. Acontece o mesmo na provincia de Lugo, en Burela, en Foz, Ribadeo, Cervo, Xove, Barreiros temos o vento do nordés, así as temperaturas poden ser máis baixas na Mariña, hai nubes de estancamento, que na Ribeira Sacra ou na Terra de Lemos, Chantada, Quiroga e Sarria", destaca.
