Publicador de contidos

Publicador de contidos

Batalla contra as algas na ría de Pontevedra: "Hai que sacalas, porque asfixian o marisco"

Batalla contra as algas na ría de Pontevedra: "Hai que sacalas, porque asfixian o marisco"

O barco da Lonxa de Campelo encárgase de recoller e empacar as algas, que este ano chegaron cun mes de adianto

 

Recollen as algas co rastro ou cun aspirador subamarino, e fan pacas de 400 quilos
G24.gal 15/05/2025 14:35 Última actualización 15/05/2025 15:03

A pelexa contra as algas na ría de Pontevedra comezou este ano en maio, case cun mes de adianto. 

"Iso dá un pouco de medo de cara á tempada estival, porque canto máis calor veña e suba a temperatura da auga, multiplícanse por miles", explica Iago Tomé, patrón maior de Raxó e presidente da lonxa de Campelo. "É un problema para nós porque se non se quita, asfixia o marisco", engade.

Así que hai que quitalas, e teñen mecanizado ese labor para facelo dende o barco da Lonxa de Campelo. Localizan as zonas de traballo para o día, e van marcando as pasadas que dan. "Poño o barco por onde non pasou, e así imos limpando por todas as zonas", di Miguel Prado, o patrón do barco.

Nas zonas con máis pedra traballan co rastro, pero o normal é que a limpeza se faga cunha aspiradora submarina, deseñada especificamente para eles. Aspira as algas, tritúraas e prénsaas na empacadora. Aforra tempo, traballo e espazo: a paca queda nuns 400 quilos, que en bruto serían 4.000. 

Miguel explica que o que máis recollen é a clásica "leituga de mar", malia que agora "polo cambio de temperaturas temos pouca cantidade"; e outra variedade que preocupa máis: "É como pelo, a peor que temos, póusase sobre o fondo e non se despraza, mata por asfixia".

Ademais de facer este traballo de limpeza de algas, o barco da lonxa encárgase de preparar os fondos para o cultivo do marisco. Tamén para iso deseñaron apeiros propios: uns arados que fan un labor superficial, osixenando o sedimento; e un outros, tipo volteador, para traballar as zonas máis lamacentas. 

"É como se fora o do tractor das patacas, que voltea toda a terra" di Iván Cortegoso, mariñeiro no barco. "Faise para mellorar o sedimento, porque se se deixa crecer o limo é area perdida", engade. Xa traballaron con el en Combarro e en Lourizán, e son optimistas. Contan poder recuperar algunha zona para a produción. 

"Temos un montón de zonas que foron produtivas e que se foron perdendo, moito tamén por ir sempre onde había e deixar outras zonas como secundarias", explica Iago Tomé. "Hai que ir labrando, darlle volta e tentar recuperar o máximo posible porque ao final nós vivimos disto. Se a praia non dá, estamos fastidiados", conclúe.

Xogan o futuro das tres confrarías que traballan na ría, que teñen inscritas case 500 mariscadoras a pé e 100 embarcacións de marisqueo en superficie. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade