A Barbería Chicho de Ourense consegue cinco estrelas Q, o máximo recoñecemento do sector

Seu pai abriu a barbería no barrio da Ponte, alá polo 1968

Hai xa máis dunha década que comezaron a recibir premios

 

G24.gal 30/11/2023 20:20 Última actualización 30/11/2023 20:48

Unha barbería do barrio ourensán da Ponte acaba de conseguir cinco estrelas do distintivo Q, o máximo recoñecemento do sector. O seu trato próximo e personalizado consegue que os clientes de sempre e os máis novos compartan o bo facer das súas tesoiras.

"O distintivo cinco estrelas é o máximo que podemos recibir a día de hoxe no noso sector. É un recoñecemento á traxectoria, ao longo percorrido da nosa profesión. É unha forma de dinamizar a nosa profesión, de dignificala, que sexa unha profesión referente, con saída para as novas xeracións, que os clientes cada vez que vexan un distintivo de barberías con encanto saiban que entran nun local onde o servizo e a atención é exclusivo e excelente", explica o barbeiro Pablo Figueiras, Chicho.

E de bo servizo algo saben na Barbería Chicho. Aquí levan anos traballando para que os seus clientes, moitos xa case amigos, vivan, como eles o definen, unha experiencia cada vez que sentan nestes asentos. Mesmo adaptan a música ambiente aos gustos dos seus clientes. 

"Si, é unha hora ás veces mesmo para durmir un pouquiño a sesta".

Conta Chicho con orgullo que el vén da vella escola, do moito que aprendeu da profesión grazas ao seu pai, que abriu a barbería no barrio da Ponte alá polo 1968. Agora o seu abano de clientes é cada vez máis amplo.

"Buscaba barbeiros como da miña idade, sobre vinte ou trinta anos, para buscar cortes modernos. Pero cando vin a descrición desta dixen: Imos probar, que ten moi boa pinta. E quedei moi contento".

Traballar con xente nova obrígaos a evolucionar, a coller novas técnicas e adaptarse así ás necesidades dos clientes máis novos.

"Que mellor que cho recoñeza un rapaz novo que hai dous anos que vén cortar o pelo onda nós e que vai contento, que cada vez que vén marcha feliz".

Hai xa máis dunha década que comezaron a recibir premios, este ano acadou a máxima puntuación posible, algo do que poden presumir menos dunha ducia de salóns de peiteado en toda España. Di que o importante é seguir transmitindo o bo facer a aqueles que están empezando.

"Que persistan, que aguanten, que temos barbería para anos".

Din que o que esperan é que moitas outras barberías de España aspiren a ser referente, todo un pulo para o sector e unha experiencia para os seus clientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade