A Baña homenaxéase coa filloa da pedra
A festa da filloa da pedra da Baña cumpre a súa vixésimo primeira edición
Esperan repartir unhas dez mil orellas entre os asistentes
O futuro do evento pasa por conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Galego
É tempo de Entroido, e é tempo, por suposto, de filloas. E no concello coruñés da Baña celebran todo o día a festa dedicada a este manxar, humilde, pero de enorme sabor. E en vista da aceptación entre os asistentes, está claro que son un éxito.
A pedra da cociña, a substancia do touciño, o amoado e tamén o toque do cociñeiro distinguen as filloas da Baña. As cociñeiras máis veteranas da zona apuntan á paciencia e a elaboración do amoado, a masa coa que se fan as filloas, e o cariño do artesán para un resultado final óptimo.
E por descontado: as filloas finiñas, case transparentes, e que aguanten tres minutos na pedra. Un euro por unidade e despois é o cliente quen xulga.
Os organizadores contan con chegar ás dez mil filloas, traballadas xa dende onte por máis de vinte persoas, que herdaron a tradición dos seus devanceiros. Xa van 21 edicións da festa, e o futuro non para aí.
"O futuro é conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Nós pensamos que a nosa festa merece esa categoría para empezar, despois xa iremos vendo", confesa Mónica González, tenente-alcaldesa da Baña e membro da organización do evento.
Se son filloeiros, na Baña continuarán preparándoas todo o día, acompañadas de orella de porco e chourizo, que mellor agasallo para unha tarde de inverno?