OPINIÓN
A Axencia de Intelixencia Artificial: unha oportunidade para Galicia, por Maite Cancelo
A Axencia de Intelixencia Artificial (IA) é unha entidade de supervisión e minimización de riscos que busca, ademais, xerar un ecosistema de investigación e de empresa, transferencia, por tanto, desde o ámbito universitario ao sistema produtivo.
España adiántase, así, ao futuro regulamento da UE sobre a IA que establecerá a necesidade de que os Estados Membros conten cunha autoridade supervisora nesta materia.
A Axencia, entre as súas funcións, asegurará o cumprimento da regulación europea en IA, supervisará a súa correcta interpretación e, tamén, pretende concienciar sobre o impacto da Intelixencia Artificial na sociedade, buscando xerar confianza no uso desta tecnoloxía, minimizando os riscos que poida traer en ámbitos como o de seguridade, a intimidade e a saúde das persoas.
Galicia sitúase cunha sólida candidatura, dadas as esixencias que se lles impón ás sedes candidatas: contar cun forte ecosistema empresarial e de investigación sobre IA, estar preparadas para xerar e recibir talento técnico multidisciplinar, con coñecementos nas novas tecnoloxías. Os seus modelos de supervisión apuntan a que o posible establecemento da Axencia en Galicia vai ser un forte impulso ao desenvolvemento do sector TIC en Galicia, coa creación de empregos de calidade (dada a elevada cualificación dos postos), que reforzaría o ecosistema xa existente, e un polo de innovación e atracción de talento especializado.
Así, Galicia, no ano 2021, conta con 2.961 empresas TIC, aumentando nun 2,2 % con relación ao ano anterior (64 empresas tecnolóxicas novas). Isto sitúanos como quinta comunidade autónoma na clasificación estatal de empresas tecnolóxicas, segundo datos do INE e do IGE que recolle o informe Galicia dixital: o sector TIC en Galicia. Edición 2021 editado pola AMTEGA.
En termos de emprego, estamos a falar de 20.740 no ano 2021, 1.397 máis que no ano anterior, cun crecemento do 7,2 %. Tamén hai que destacar que no ano da pandemia se crearon 359 postos de traballo, cun crecemento do 1,9 % con relación ao ano anterior (2019) que xera 1.700 millóns de VAB, o que supón un 2,7 % do PIB galego, con datos de 2019.
Ademais, temos universidades que ofertan graos e posgraos nestas ramas, pero tamén centros de investigación con grupos punteiros e con transferencia de resultados á sociedade. E, no ámbito empresarial, contamos co Clúster TIC-Galicia que posúe unha estratexia compartida coa Xunta de Galicia, as universidades e os centros tecnolóxicos que, a través do programa Transformatic, impulsará a competitividade e o crecemento do sector.
Ademais, segundo algún estudo, nos próximos anos, estímase que en España se necesitarán cubrir 100.000 empregos máis, cunha remuneración estimada en case 11.000 euros máis que a media nacional, e que soportou mellor a crise da covid-19, xa que xerou emprego en lugar de destruílo.
Temos, pois, un sector en alza, que xera empregos de calidade e mellor remunerados, polo que, o establecemento da Axencia de Intelixencia Artificial na nosa terra sería unha boa noticia neste contexto de incerteza económica e laboral.