Albares salienta o enorme esforzo de investir o 2 % en defensa e Rubio pídelle chegar ao 5 %
O ministro de exteriores español destaca que o primeiro encontro co secretario de estado norteaemericano en Washington transcorreu nun ton moi cordial
Ambos os líderes coincidiron na necesidade de poñer fin con urxencia aos conflitos en Ucraína e Oriente Medio
.jpg)
Nun ton moi cordial transcorreu, segundo o Goberno español, a primeira reunión celebrada en Washington entre o ministro de exteriores José Manuel Albares e o secretario de Estado norteamericano Marco Rubio.
No encontro, este agradeceulle a España o compromiso de achegar á defensa o 2 % do PIB, pero instou o Goberno español a facer un maior esforzo e elevar a porcentaxe ata o 5 %.
Albares puxo en valor o enorme esforzo que fai España para alcanzar ese 2 % do gasto e salientou a despregadura de 2.300 soldados para reforzar a seguridade do Flanco Leste. No próximo cumio da OTAN, que terá lugar na Haia os días 24 e 25 de xuño, os aliados esperan acordar un novo obxectivo de gasto en defensa.
A petición dos EUA
Algo máis de mes e medio pasara desde o último encontro entre Marco Rubio e José Manuel Albares. Tivo lugar en Bruxelas os pasados 3 e 4 de abril, xuto antes de que Trump anunciara o seu plan global de aranceis, e nel abordaran as relacións bilaterais e a cooperación entrambos os países.
Na reunión de onte en Washington, a primeira oficial que manteñen ambos, o secretario de Estado dos Estados Unidos agradeceu o seu compromiso de achegar este ano á defensa o 2 % do PIB, pero pediu máis.
"O secretario Rubio recoñeceu e agradeceu a España que cumprise o seu compromiso previo de alcanzar o 2 % do gasto en defensa para 2025, pero enfatizou que se debe facer máis", afirmou a portavoz do Departamento de Estado nun comunicado. Pouco despois, concretábao nas súas redes sociais o propio Marco Rubio.
Met with Spain’s Foreign Minister @jmalbares to talk about defense spending, confronting illegal immigration, and advancing fair trade. Urged Spain to join Allies in committing 5% of GDP to defense. pic.twitter.com/KZiHWZxm2M
— Secretary Marco Rubio (@SecRubio) May 23, 2025
Na reunión, Albares e Rubio intercalaron o español e o inglés, dado que o secretario de Estado norteamericano é de orixe cubana.
A resposta de España
Albares salientou o ton moi cordial do primeiro encontro con Rubio e aproveitou para poñer en valor o esforzo que fai España para alcanzar este ano o 2 % do gasto en defensa.
A Administración de Donald Trump deixou claro que o seu obxectivo é que do cume da Alianza Atlántica saia un compromiso de alcanzar o 5 % en gasto en defensa. Albares recoñeceu que sobre este asunto houbo un intercambio e os dous expresaron con moita claridade os seus respectivos puntos de vista e engadiu que o debate neste momento ten que centrarse en capacidades.
Ton moi cordial
"Foi unha reunión boa, nun ton moi moi cordial, e eu creo que esta reunión serve para reforzar eses lazos entre os nosos dous países", resolveu o ministro de exteriores español.
No encontro falaron dos aranceis que a nova Administración quere impoñer á UE, do conflito en Ucraína e da guerra en Gaza. Respecto á primeira cuestión, o ministro insistiu na importancia de conseguir unha paz xusta e duradeira en Ucraína. Insistiu na necesidade de paz en Oriente Próximo e en que Israel poña fin ao bloqueo sobre a Franxa de Gaza.
Albares deixou claro a Rubio a aposta do Goberno por traballar ao redor da Autoridade Nacional Palestina para que un día poida facerse cargo tanto de Gaza como de Cisxordania.
Abordaron tamén a situación en América Latina. O ministro español trasladou a Rubio a vontade de España de participar en calquera celebración do 250 aniversario da independencia dos Estados Unidos: "Por suposto, España e os españois tamén tivemos un papel fundamental", sostivo.