O PIB crece un 0,6 % ata marzo e modera o seu avance interanual ao 2,8 %
O INE revisa á alza o consumo privado e o investimento, pero estima agora un descenso do gasto público fronte á repunta estimada antes
A economía española creceu un 0,6 % no primeiro trimestre do ano, unha décima menos ca no trimestre anterior, e moderou cinco décimas o seu avance interanual, desde o 3,3 % ao 2,8 %, segundo confirmou este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE) coa publicación dos datos de Contabilidade Nacional.
A demanda nacional contribuíu con cinco décimas ao crecemento trimestral do PIB, fronte ás catro estimadas anteriormente, mentres que o sector exterior achegou unha décima e non dúas como calculou o INE con anterioridade. No que respecta ao crecemento interanual do 2,8 %, só a demanda interna contribuíu, ao achegar 3,2 puntos, fronte a unha demanda externa negativa de catro décimas, as mesmas cifras que as publicadas en abril.
O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa destacou que España mantén un "forte crecemento" no primeiro trimestre do ano, apoiado no consumo privado, o investimento en bens de equipo e a repunta da construción.
O departamento que dirixe Carlos Cuerpo destacou, ademais, que o crecemento español é superior ao dos principais países europeos, como Alemaña, que rexistrou unha alza do PIB do 0,4 % no primeiro trimestre, ou Francia, cunha repunta do 0,1%.
No que respecta ao avance trimestral do PIB entre xaneiro e marzo, o consumo dos fogares aumentou un 0,6 % no primeiro trimestre do ano, dúas décimas máis ca o calculado en abril, en tanto que o gasto público se recortou catro décimas, fronte ao aumento do 0,2 % estimado inicialmente. O investimento, pola súa banda, avanzou un 0,9 % no trimestre, tres décimas máis que o previsto polo INE con anterioridade.
As exportacións de bens e servizos presentaron unha taxa intertrimestral do 1,7 %, o que supón 1,6 puntos máis ca no cuarto trimestre. Pola súa banda, as importacións rexistraron unha variación do 1,6 %, catro décimas máis que a do trimestre precedente.