A autopsia da galega morta en León desmonta a versión da parella dun atropelo
A muller, de 44 anos, morreu dunha hemorraxia interna e tiña golpes que non se corresponden cun atropelo
A Policía Local de Villaquilambre intensifica os interrogatorios para aclarar as causas da morte
Levan días buscando un BMW que quizais non existe. O que inicialmente parecía un atropelo cun coche á fuga, agora é unha morte violenta á que se lle busca explicación.
A autopsia desmonta o relato da súa parella e única testemuña, que xa tiña contradicións de por si. Contou que volvían dunha grellada de madrugada, que se apartou un momento dela e cando volveu xa estaba inconsciente no chan.
Segundo explicou, un BMW a gran velocidade levouna por diante sen tan sequera se deter. Primeiro, asegurou que o conducía unha muller. Despois, dubidou.
Pero do coche nin rastro, nin no asfalto, nin nas cámaras de seguridade, nin no corpo da vítima. A muller tiña golpes na cara e no ventre e morreu dunha hemorraxia interna, segundo confirmaron os forenses.
Na estrada quedaron restos de sangue ao longo de cinco metros, o que apunta que o corpo se arrastrou.
A Policía Local de Villaquilambre, pegado a León, en colaboración co grupo de especialistas en accidentes de tráfico da Garda Civil, trata de recompoñer un quebracabezas ao que, de momento, lle faltan moitas pezas. Buscan respostas na xente que compartiu as últimas horas con Marianna.
A muller, de 44 anos e orixe paraguaia, viviu en Galicia dende pequena, en Vigo e na Coruña. Mudouse a León hai un mes, pero aquí seguen vivindo a nai e a filla.