Publicador de contidos

Publicador de contidos

Isabel Pantoja e Bertín Osborne entran na lista de morosos con Facenda

Isabel Pantoja e Bertín Osborne entran na lista de morosos con Facenda

Quedan fóra da lista deste ano o Real Murcia, que debía 6,3 millóns, Afinsa (1,5 millóns) e catro sociedades do grupo Polaris

Isabel Pantoja e Bertín Osborne Isabel Pantoja e Bertín Osborne
G24.gal 27/06/2025 13:59

A cantante Isabel Pantoja entrou na lista de grandes morosos con Facenda cunha débeda dun millón de euros, xunto co tamén cantante Bertín Osborne, que debe 865.000 euros, e o exfutbolista Ardan Turan, con 1,3 millóns de euros, e sae o Real Murcia, que tiña unha débeda de 6,3 millóns.

A Axencia Tributaria publicou este venres a duodécima listaxe de grandes debedores con Facenda, aqueles que ao peche de 2024 debían máis de 600.000 euros e os seus responsables solidarios -en termos firmes e con débedas non aprazadas nin suspendidas-.

Ademais, entraron formar parte dos grandes morosos un conxunto de empresas de hidrocarburos: Metaway Combustibles con 195,8 millóns, Vertix Petroleum con 194,7 millóns, Bio-Zenite Energy con 153,4 millóns e Biomar Oil con 119,1 millóns.

Tamén son novos na lista Marina Puerto de Santa María, con 11,3 millóns; Pullmantur Holdings, con 7,7 millóns, e Desguaces La Torre, que volve entrar tres anos despois de saír, con 3,7 millóns de débeda.

Outras empresas que entran son Autopista Madrid Sur Concesionaria Española, cunha débeda de 1,7 millóns; Fórum Filatélico, con 1,5 millóns, e GM Fuel Ibérica, con 1,5 millóns.

Quedan fóra da lista deste ano o Real Murcia, que debía 6,3 millóns, Afinsa (1,5 millóns) e catro sociedades do grupo Polaris: Polaris Desarrollo (22,7 millóns), Polaris World Network (21,6 millóns), Polaris G (21,6 millóns) e Polaris World Retail (21,5 millóns). 

Mario Conde recorta débeda e Paz Vega sóbea

Entre as persoas físicas que se manteñen na lista pero modifican as cantidades debidas destacan Mario Conde, que recorta a súa débeda en 2,6 millóns, reducindo o total a 3,8 millóns, mentres que Paz Vega aumentou a súa en 538.000 euros, ata 2,3 millóns.

César Vidal pasa a deber 2,1 millóns, 700.000 menos ca na anterior listaxe, e Francisco Roig (irmán do dono de Mercadona, Juan Roig) recortou en 1,4 millóns a débeda da súa sociedade Roig Grupo Corporativo, aínda que segue debendo 8 millóns.

Tamén o empresario e expresidente do F. C. Barcelona, Joan Gaspart, reduciu lixeiramente a súa débeda de algo máis de 1 millón a 994.000 euros.

Kulteperalia, sociedade propiedade de José Luis Moreno, baixa a súa débeda a 787.000 euros, 164.000 euros menos.

O Xerez Club Deportivo reduce a súa a 2,2 millóns, tras restar 5,8 millóns, mentres que o Real Xaén descontou 350.000 euros e mantén unha débeda de 1,2 millóns.

En sentido contrario destaca o aumento de débeda de Unión Deportiva Salamanca, con 13,4 millóns, tras sumar 2,1 millóns.

No ámbito inmobiliario cabe sinalar a cancelación de 2 millóns de Reyal Urbis, que se mantén, con todo, como a maior morosa cun total de 277,8 millóns, en tanto que Martinsa Fadesa reduciu 1 millón a súa débeda, ata 4,9 millóns.

A promotora Aifos redúcea lixeiramente, de 90,1 a 89 millóns, aínda que os seus donos, Teresa Maldonado e Jesús Ruiz, están nos primeiros postos da lista de persoas físicas máis endebedadas, con arredor de 15 millóns cada un, a mesma cantidade que mantén o empresario xubilado Agapito García.

En sector dos hidrocarburos está o aumento de débeda da empresa Marillion en 20,6 millóns, ata 156,8 millóns, mentres que GM Fuel Tank reduciu en 4 millóns, ata 1,8 millóns.

Outras empresas que aumentaron débeda son Pullmantur Cruises ata 3,7 millóns (2,7 millóns máis), Abengoa Solar ata 8,9 millóns (317.000 euros máis) e Abengoa Auga ata 14,5 millóns (133.000 máis).

A persoa física máis endebedada segue sendo Ramón Oliveirais Garrigos con 36,8 millóns, mentres que saíu da lista Álvaro Etxarte Íñiguez que tiña unha débeda de 32 millóns e Antonio Rivera Zapico reduciu a súa de 21,7 millóns a 0,79 millóns.

Mantense na lista coa mesma débeda o comisionista Luis Medina (0,6 millóns), o exárbitro José Enríquez Negreira (1,1 millóns) e o empresario Ángel de Cabo (10,7 millóns), entre outros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade