Detida unha muller en Pontevedra por vender fotos e roupa interior da súa filla menor
Está sendo investigada por un delito contra a liberdade sexual e por un delito de revelación de segredos
O home co que compartiu o material está imputado por varios delitos relacionados coa explotación sexual e corrupción de menores
Unha muller de 40 anos, veciña da comarca pontevedresa do Salnés, foi detida pola Garda Civil acusada de vender fotos íntimas e roupa interior da súa filla, unha nena menor de idade, a cambio de diñeiro. No mesmo operativo, os axentes arrestaron a un home de 31 anos, ao que se lle atribúen delitos relacionados coa explotación sexual e a corrupción de menores.
A investigación sobre este caso, segundo confirmou o instituto armado, comezou tras a denuncia presentada pola muller, que aseguraba ser vítima de supostas coaccións por parte dunha persoa coa que tivera algún encontro casual. Ambos se coñeceron a través dunha aplicación de citas e quedaran en varias ocasións, segundo relatou na súa denuncia. A muller aseguraba que el contactara coa súa filla para pedirlle imaxes e vídeos de índole sexual, propoñéndolle dedicarse a vender ese tipo de vídeos.
Alegaba traballar para unha promotora e aseguraba que todo sería legal, xa que contaría coa autorización da súa nai. Ante a negativa da menor, o detido ameazaría á menor dicíndolle que ía ir a por ela e a por a súa proxenitora.
Pero no transcurso da investigación, a Garda Civil comprobou que fora a propia nai da menor a que poñería en contacto a este home coa súa filla. A detida enviáralle varios vídeos da súa filla en roupa interior e mesmo chegou a facerlle entrega dalgunha peza de roupa interior da mesma.
A nai da menor, que foi detida tras descubrir a súa implicación, está sendo investigada por un delito contra a liberdade sexual e por un delito de revelación de segredos. O home co que compartiu o material, pola súa banda, está impútado por varios delitos relacionados coa explotación sexual e corrupción de menores, ademais dos delitos de coaccións, revelación de segredos e contra a liberdade sexual da menor. Os investigadores lograron incautar varios dispositivos electrónicos que aínda están a ser analizados para comprobar o seu contido.