A auga da traída non é apta para o consumo na Rúa, Petín e Vilamartín
Recomendan beber e cociñar con auga embotellada
Os incendios tamén poden afectar a auga dos pozos: "Se está turbia, mellor non bebela"
Ata novo aviso recoméndase non beber da auga da billa nos concellos da Rúa, Petín e Vilamartín de Valdeorras. Os incendios impiden facer unha potabilización eficiente da auga da traída, e recoméndase aos veciños o uso de auga embotellada, tamén para cociñar.
"Estamos moi afeitos a que se fervemos a auga non pase nada, pero hai arrastres de materiais pesados, como metais pesados que se producen na queima parcial dos bosques, que poden afectar á auga de consumo", explica Paula Sánchez, a xefa do servizo de Saúde Ambiental da Dirección Xeral de Saúde Pública.
As cinzas dos incendios e os cortes de luz poden afectar os sistemas de cloración e limpeza, por iso Sanidade insta a que todos os concellos con lumes revisen as súas plantas de tratamento.
"Hai veces que as plantas non están preparadas para estes golpes de contaminación e teñen que vixiar moito as cinzas e as turbideces e se se disparan deberían recomendar a restrición da auga de consumo".
Cómpre, polo tanto, estar moi pendentes da información que vaian actualizando nos medios e nas redes os concellos afectados. E se teñen auga do pozo, presten atención antes de bebela.
"Dependendo de onde estea o pozo pode ser que ardera, ou que arrastre auga contaminada dos incendios. A recomendación e a mesma, se está turbia mellor non bebela".
Saúde Pública traballa xa nun plan de continxencia para cando chegue a chuvia. O arrastre das cinzas dos montes cara ás captacións é outra das devastadoras consecuencias que habitualmente deixan os incendios.