Un código QR que permite coñecer a orixe de cada peza de porco celta
A través deste sistema o consumidor pode coñecer todo o proceso desde a cría do animal ata que vai ao matadoiro
É unha forma de darlle máis valor engadido a un produto de calidade e a unha raza autóctona que estivo a piques de desaparecer
A crianza dos porcos celtas inflúe na calidade da súa carne. Agora, a través dun código QR, o consumidor pode obter todo tipo de información sobre o animal.
"Un móbil, un código QR e simplemente hai que escanear ese código QR e aparece unha serie de informacións que recolle todo o que nós facemos ao longo de toda a cadea. Primeiro, como rexistramos oa animais no libro xenealóxico, como chegan ao matadoiro, posteriormente á industria e o produto a que dan lugar. E a maiores engadímoslles algún dato dos percorridos que fan en quilómetros, dos beneficios que teñen para o medio ambiente nas explotacións nas que están e demais", asegura a veterinaria de Asoporcel, Cruz Castro.
No seu desenvolvemento participa tamén a empresa Innogando, que xa contaban con medios para coñecer o día a día dos porcos. Refire o seu xefe de proxectos que "creamos ese dispositivo que fai de XPS e ademais monitoriza durante 24 horas a vida do animal. Sabemos se descansa, cantos quilómetros andou, en que zonas se move dependendo do territorio".
O sistema xa foi probado nalgunha explotación e cooperativa que comercializa porco celta. Matiza Isabel Costas, da cooperativa Tres Fuciños, que "cada vez o cliente é máis esixente e cada vez gústanos máis saber de onde veu esa carne, gústanos máis saber un pouco máis a súa trazabilidade. Creo que vai ser un avance moi bo para o porco celta porque non só é o que nós lle contemos senón que é a historia que hai detrás dese porco celta"
É unha forma de achegar valor engadido para unha raza autóctona galega que estivo a piques de desaparecer.