As pezas de porco celta terán un código QR con toda a información sobre cada animal
Con este sistema pioneiro, a desta raza porcina convértese na primeira carne autóctona en ofrecer un sistema de trazabilidade total
En que granxa foi criado, que idade tiña ou canto pesaba o exemplar de porco celta. Son datos que a partir do ano vindeiro estarán dispoñibles en pezas como os xamóns, os lacóns ou as cachuchas desta raza autóctona. Para coñecelos, só haberá que escanear o código QR que van incorporar nuns precintos implantados de xeito individual pola asociación de criadores.
"Toda esa trazabilidade levámola internamente dende hai moito tempo, asociando cada un dos animais con eses precintos finais. E máis aló, con todos os produtos aos que dan lugar e o etiquetado final que se fai. O que agora intentamos con este QR, nesta primeira fase, é achegarlle un pouco desa información ao consumidor final", sinala Cruz Castro, veterinaria de ASOPORCEL.
Con este sistema pioneiro, a do porco celta convértese na primeira carne autóctona en ofrecer un sistema de trazabilidade total de forma individualizada, unha modernización que pon en valor a calidade deste produto.
"O que ten o porco celta na cociña é sobre todo o seu sabor e a súa versatilidade. Pódese cociñar en frío, como un tataki de solombo, ou pódese cociñar a agulla a baixa temperatura. Ten unhas características tanto organolépticas como de textura espectaculares", subliña o cociñeiro Álex Méndez.
"O porcino en xeral identifícase por lotes. Fanse sacrificios por lotes de animais e nas granxas identifícanse por lotes. No noso caso, como temos un libro xenealóxico, cada un dos animais identifícase individualmente. Entón toda esa información que imos poder achegar a través deses códigos QR xa a temos rexistrada", recalca Cruz Castro.
Actualmente, existen no noso país unhas 140 explotacións de porco celta, que contan cuns 4.000 exemplares. Nunha segunda fase da implantación deste sistema pioneiro de códigos QR, espérase que todas as partes do cocho conten co seu propio código individualizado.