A Arnoia celebra a festa do pemento, unha das máis lonxevas
O propio Concello tivo que plantar pementeiras para garantir o abastecemento debido a escaseza de produtores
De máis de douscentos mil quilos que se collían nos anos 80, pasaron a 7.000 este ano
Mentres as vides conquistan cada vez máis terreo na Arnoia, as pementeiras van desaparecendo. O pequeno tamaño das parcelas complica a utilización de maquinaria e non hai remuda xeracional.
"O campo tira menos. Hai hortas para consumo propio, pero para vender quedan cada vez menos", explica Mar Fernández, quen cultiva pementos na Arnoia.
Hai poucos produtores profesionais que comercialicen o produto, e este ano, ademais, tiveron pouca sorte co tempo. Moitas plantas víronse afectadas por un fungo que provoca o que chaman a tristeza do pemento.
Servando Álvarez, técnico do INORDE: "Unha vez que vemos os síntomas, o decaemento da planta e as follas secas que é o que lle chaman 'a tristeza', o patóxeno xa está estendido polo sistema vascular que hai que arrincala".
Calculan que este ano a produción total, excluíndo a de autoconsumo, é duns 7.000 quilos e tres mil van destinados á festa do pemento, que celebra a edición número 47. Cando naceu, foi para darlle saída ao excedente de produción e hoxe en día, pola contra, teñen que producir para a festa. O propio concello ocupouse do cultivo para garantir o abastecemento.
Rodrigo Aparicio, alcalde da Arnoia: "Desde o concello fixemos a platación directamente, traballando os propios concelleiros para asegurar o produto. E aí vén outra picaresca: os pementos da Arnoia que se venden na costa e noutras zonas turísticas, é imposible que sexan da Arnoia".
Arredor de 150 voluntarios traballan na organización da festa. Destacan a calidade destes pementos tan característicos.
"O arrecendo é característico. Son carnosos, dun verde intenso e están boísimos", celebra Mar Fernández.
A festa gastronómica esténdese durante toda a fin de semana, con cinco quendas de comida para degustar este prezado manxar.