A armadora do Pitanxo pasa á ofensiva ante o que considera unha campaña de descrédito
A armadora do Pitanxo pasa á ofensiva ante o que considera unha campaña de descrédito
O avogado do Grupo Nores acusa a Samuel Kwesi de mentir e aférrase á tese do embarre
A representación legal das familias das vítimas insiste en que os datos acreditan que o embarre ou espichada foi a causa do afundimento por unha mala xestión do patrón do barco
A representación legal do armador do Villa de Pitanxo fala por primeira vez para tratar de contrarrestar o que considera unha campaña mediática de descrédito de Pesquerías Nores. O avogado da empresa Alberto Penelas fai declaracións á Televisión de Galicia en relación ao escrito que vén de presentar ante a Audiencia Nacional.
"Non se pode seguir permitindo este descrédito ante unha empresa e un patrón en base ao que son auténticas mentiras", asegura Penelas.
Nel aférrase a que cos datos na man non se pode falar dun embarre ou espichada do aparello como causa do afundimento.
No mesmo documento contrapón o que os tripulantes do Playa Menduíña II, o barco que rescatou os tres superviventes, declararon na Audiencia Nacional, e o que despois declarou Samuel Kwesi. Todos relataron que o mariñeiro ghanés dixera que o capitán e o seu sobriño, os outros dous superviventes, non querían deixalo subir á balsa salvavidas. Ante o xuíz, Kwesi negou este extremo.
"Samuel convenceu toda a tripulación do Playa Menduíña II de que o patrón e o seu sobriño non o deixaron subir na balsa, e despois cando declarou ante o xuíz negouno", di o avogado.
Tamén asegura que en próximas datas serán citados a declarar tripulantes doutros barcos que afirman que viron no mar varios corpos dos mariñeiros naufragados que levaban posto o traxe de supervivencia, desmentindo de novo a Samuel Kwesi.
Resposta dos avogados das familias das vítimas
A representación das familias das vítimas, exercida polo avogado Manuel Lampón, nunha entrevista con Televisión de Galicia, replicou estas afirmacións dos avogados vigueses de Amya, que tamén defenden o capitán, Juan Padín.
No croquis achegado polo propio Juan Padín, ao que tivo acceso a Televisión de Galicia, Lampón destaca que o capitán admite un embarre ou espichada do barco e contradí a tese da defensa, segundo asegura, porque indica que o barco se está desprazando mesmo durante ese incidente.
"Remítome aos propios datos de Padín, que recoñece que o buque embarrou pero sitúa o embarre noutro momento; pois nese momento en que o sitúa o barco estase desprazando, polo que o argumento de que se o barco embarra non tiña certa capacidade de desprazamento é incerta porque o propio Padín así o avala", di Manuel Lampón.
O avogado tamén nega que haxa contradicións no relato de Samuel Kwesi no relato da situación na balsa salvavidas.
"O momento no que sitúan a presunta contradición é cando están no barco, apunto de afundirse, na ponte, tratando de acceder á balsa, e para iso primeiro hai que soltala. Probablemente aí lle dixeron a Samuel que non era momento de acceder, pero entendemos que non hai ningunha contradición por parte de Samuel", afirma o avogado.
Está previsto que en febreiro a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos (CIAIM) presente o informe provisional sobre as circunstancias do naufraxio, á espera de que ao longo deste ano unha nave non tripulada baixe ao fondo do mar para inspeccionar o pecio.