O peche dos polígonos de mexillón causa o desabastecemento total nas conserveiras
Levan un mes sen mexillón e temen que a campaña se bote a perder
A subministración aos consumidores está garantida para a campaña de Nadal grazas á estocaxe
Neste conserveira de Vilanova deberían estar elaborando mexillón pero están con atún e zamburiñas, e así levan todo o mes dende que empezaron a pechar os polígonos de bateas. O desabastecemento de materia prima é total para a industria, porque o pouco mexillón que se están extraendo vai para o mercado de fresco.
"Estamos un pouco á espera, porque creo que os niveis seguen dando moi altos e non agardamos a curto prazo que se empece a aperturar", apunta Dolores Otero, xerente de Conservas Dardo.
En Galicia arredor de 30 empresas se dedican á transformación do mexillón, unha industria que dá traballo a unhas 12.000 persoas que temen a unha parada temporal.
"Claro, atopámonos con moito persoal que non temos traballo para darlle, de feito estamos agora a medio gas, pero se non empeza a mellorar a cousa pois a semana próxima faremos unha parada total de produción", continúa.
E todo isto sucede ás portas do Nadal. Con todo, a subministración aos consumidores está garantida.
"O bo das conservas é que é un produto que se 'estoca' e que, polo tanto, as nosas unidades fabrís xa levan un tempo de 'estocaxe', e por tanto temos unha garantía de abastecemento nos próximos meses", explica Roberto Alonso, secretario xeral de ANFACO.
Se persiste a toxina, o problema vai vir despois.
"Temos o problema de que agora é cando está máis gordo, e pásalle a súa época tamén, entón empeza a adelgazar. Se veñen temporais, pódese desprender da corda e irse ao fondo mariño; entón, claro, temos moitas problemáticas que poden facer que a campaña, se non a apertura pronto, que a campaña se bote a perder, non?", conta Dolores Otero.