Vigo reabre un punto de cribado na zona do Náutico, ante a escalada da covid
Vigo volve ser hoxe a 2ª área sanitaria que suma máis casos novos
As persoas coa enfermidade activa rozan xa os 700
Ante a suba constante de casos na área de Vigo, a segunda con peores datos de Galicia, as autoridades sanitarias optaron por intensificar os cribados e reabrir os puntos abertos para as probas durante a quinta onda, o pasado verán.
É o caso do punto de tests PCR do Náutico de Vigo a onde se pode ir a pé e sen citación previa para facer unha PCR ao momento. Súmase así ao covid-auto do hospital do Meixoeiro que mañá a se traslada ao hospital Álvaro Cunqueiro para facilitar a loxística destes cribados poboacionais.
"Nas últimas semanas estamos vendo como acoden cada vez máis familias por culpa de contaxios con nenos pequenos, que non pasa nada grave, pero, vaia, contáxianse", explica Toni Rodríguez, o supervisor do covid-auto".
E, despois, contaxian os pais, que contaxian nas súas contornas laborais. Por iso, desde os puntos onde se ralizan as probas PCR fan hoxe unha chamada para que acudan voluntariamente ao cribado os traballadores do porto.
"A partir de mañá tamén seguimos con estas portas abertas para traballadores do porto e calquera persoa que queira facer un cribado de PCR, e a estratexia tamén vai ser empezar a citar persoas do centro de Vigo para un cribado".
Contaxios que elevan hoxe a 699 os casos activos na área sanitaria e que, como é sabido, só poden atallarse detallando ben os contactos e illando os contaxiados.