A aplicación MiDNI xa permite levar no móbil o documento nacional de identidade
Empresas e institucións dispoñen de prazo ata abril de 2026 para adaptarse a este novo formato
O mesmo que levan tarxetas de crédito, billetes de tren ou entradas a actos culturais, de xeito sinxelo e seguindo os pasos que marca a propia app, os usuarios poden xa descargar no móbil o seu Documento Nacional de Identidade.
"Xa temos a posibilidade de obter o DNI en formato dixital, a través dunha app, que vai servir como substituto do DNI físico", dixo Pedro Blanco, o Delegado do Goberno en Galicia.
Non é que vaia desaparecer o cartón plastificado. O DNI no móbil vai ser unha nova posibilidade, cómoda e segura. Antes de descargalo, hai que rexistrarse na web da policía ou nas máquinas das oficinas de renovación, para asociar o documento ao número de teléfono.
"Nese teléfono que hoxe substitúe a carteira, levamos xa os cartos, axenda de contactos e documentos, e tamén imos poder levar todas as nosas identificacións", detallou Pedro Blanco, o Delegado do Goberno en Galicia.
Ata abril do ano que vén vai haber un prazo de adaptación para institucións e empresas e para a propia policía, que está a participar en xornadas formativas coma esta que se desenvolveu nesta mañá no cuartel de Lonzas da Coruña.