Publicador de contidos
Publicador de contidos

A antiga Bolsa de Copenhague, arrasada polas lapas

A antiga Bolsa de Copenhague, arrasada polas lapas

O incendio, de orixe descoñecida, segue fóra de control

As lapas provocaron a derruba de parte do teito e fixeron caer a agulla do emblemático edificio

O incendio fixo caer a agulla do emblemático edificio da antiga Bolsa de Copenhague (Ritzau Scanpix e Emil Helmsvia/REUTERS)
G24.gal 16/04/2024 10:13 Última actualización 16/04/2024 19:22

O edificio da antiga Bolsa de Copenhague, do século XVII, está envolvido este martes polas lapas por mor dun incendio de orixe ata o de agora non determinado que provocou a derruba de parte do teito e da agulla da súa torre. "Conforme se queiman as estruturas, partes do edificio estanse derrubando", afirmou Jakob Vedsted Andersen, director dos servizos de incendios e rescate de Copenhague.

Os servizos de emerxencia e os bombeiros traballan para tratar de apagar o lume, que segue fóra de control. Dan por feito que o operativo vai durar case todo o día, xa que o lume afecta aproximadamente á metade deste histórico inmoble do século XVII. 

O director dos servizos de emerxencia de Copenhague afirma que o edificio está rodeado por estadas e non desbota que a construción colapse.

"Seguimos loitando contra as lapas; ao queimarse as estruturas interiores, os muros desestabilizáronse, e niso é no que nos estamos centrando agora".

Representantes da vida política danesa amosaron a súa conmoción nas redes sociais polo sucedido. A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, cualificou o incendio de "horrible" e lamentou que ardera "un anaco de historia de Dinamarca".

O responsable de Defensa, Troels Lund Poulsen, amosou a súa consternación polo sucedido na rede social X. "Imaxes horribles da Bolsa. Moi triste. Un edificio icónico que significa moito para todos nós. O noso momento Notre Dame".

Frygtelige billeder fra Børsen. Så trist. En ikonisk bygning, der betyder meget for os alle, tror jeg. Vores eget Notre Dame-øjeblik. pic.twitter.com/X0jWjfUFVc

— Troels Lund Poulsen (@troelslundp) April 16, 2024

400 anos de legado cultural danés en lapas

O inmoble, un dos máis antigos que se conservan en Copenhague, foi construído entre 1619 e 1623 por orde do rei Christian IV. Funcionou como bolsa da capital danesa ata 1974.

Actualmente era a sede da Cámara de Comercio e a súa fachada levaba meses cuberta por estadas para ser restaurada. Expertos citados nos medios sinalan que é posible que os labores de remodelación do edificio  incrementasen o risco de incendio, malia que aínda se descoñece a causa concreta que provocou o lume.

As catro colas de dragón entrelazadas da agulla estaban rematadas por tres coroas, como símbolo do imperio escandinavo integrado por Dinamarca, Noruega e Suecia.

Segundo antigas lendas, o dragón protexía o edificio contra ataques inimigos e incendios e, como relata a guía, a construción salvouse misteriosamente ata hoxe e en moitas ocasións de sufrir danos cando se produciron incendios en edificios veciños.

O Palacio de Christiansborg (actual Parlamento danés) queimouse varias veces e recentemente, en 1990, produciuse un incendio no próximo Proviantgaarden en Slotsholmsgade (rúa Slotholm). 

Na actualidade, a Antiga Bolsa de Valores utilízase para ceas de gala, conferencias, festas e outros eventos e non está aberta ao público.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar