A adolescencia, o efecto das redes e a soidade dos maiores, puntos críticos da saúde emocional
O CHUS celebra un acto para destacar o papel coidador que fai aquí o persoal de enfermería nas unidades de psiquiatría
Reivindicar a atención á saúde mental e emocional en Galicia. Destacar o papel coidador que fai aquí o persoal de enfermería. Era o propósito do acto que este venres se celebrou no Clínico de Santiago. Con música para poñer en valor a expresión emocional dos pacientes, e asociacións de voluntarios que falan do seu traballo con agudos e nos hospitais psiquiátricos, e que pediron erradicar os estigmas e escoitar.
Xuntos ofreceron unha panorámica e falaron dos que hoxe son máis vulnerables.
"Na adolescencia, o acoso en redes. Ás veces pola pouca madurez danse problemas de contactos con adultos. Atendemos problemas de alimentación derivados dos modelos que se exhiben en redes en nenos de só nove anos", relatou Guadalupe Suárez, supervisora de Psiquiatría infanto-xuvenil.
Cada vez máis novos, fronte a un mundo que non só altera a química cerebral, senón que crea modelos irreais.
"Non podemos facernos vellos, temos que ser estupendos e marabillosos, sobre todo as mulleres, pero cada vez máis homes presentan tamén problemas de autoestima e de conduta alimentaria. Hai que ser delgados, esveltos, sen engurras...", dixo Irma Cardeso, supervisora da Unidade de Hospitalización de Psiquiatría.

Cada vez máis présa, máis esixencia e máis sobredemanda. Nunha poboación cada vez máis envellecida. Con moitos maiores padecendo tamén soidade.