89 persoas faleceron nas estradas galegas en 2022, unha máis que o ano anterior á pandemia
A maioría dos sinistros rexistráronse en vías convencionais
Catro de cada dez falecidos na provincia da Coruña eran peóns, ciclistas ou motoristas
As estradas de Galicia rexistraron 89 falecidos en 2022, o que supón superar as cifras do ano anterior á pandemia, 2019, no que houbo un total de 88 vítimas mortais.
O impacto da sinistralidade viaria foi desigual nas catro provincias. Os datos melloraron en Pontevedra, con seis vítimas menos, e non variaron en Lugo. Subiron en Ourense e na Coruña, que ademais concentra ao redor do 40 % dos falecidos.
Na provincia coruñesa as cifras son especialmente malas se falamos das persoas máis vulnerables nas estradas. Catro de cada dez falecidos eran peóns, ciclistas ou motoristas. A maioría dos sinistros rexistráronse en estradas convencionais.