Un total de 39 talleres de artes plásticas da Coruña abren ao público
A iniciativa Estudos Abertos cumpre dez anos
A intención é achegar a obra e o proceso creativo dos artistas á xente
Unha alfombra-gravata conduce a Ignacio Pardo á obra que decidiu achegar ao público na nova edición de Estudos Abertos: unha impresión dixital sobre lenzo da cara de Trump.
"Está feita con moscas. En vez de píxeles, eu emprego moscas, que son os animais que van á merda", aclara o artista.
Ignacio expón nun dos 39 talleres de artes plásticas que se sumaron á xornada de portas abertas, un taller en que se xuntan nesta data cinco artistas. Outro é o fotógrafo Fernando Páez, que desta volta achegou seis fotografías únicas.
"Trátoas manualmente, pregando o papel, facendo as texturas con lixa, debuxando enriba delas...", conta Fernando Páez.
A pintora e ceramista Ana Barranco decantouse por presentar parte da súa última obra.
"Representa esa inquietude polo futuro que temos nestes momentos, respecto dos fascismos ou os nazismos que están vindo", explica.
No mesmo estudo atopamos tamén unha instalación do artista audiovisual Brais Remeseiro, integrada por catro imaxes e unha montaxe de películas satánicas, coas que quixo representar o demo.
"A figura do demo desde un punto de vista simbólico e toco a corrente ateísta e teísta", relata o creador.
O anfitrión do taller, o artista multidisciplinar Daniel Remeseiro, elixiu para este día catro láminas, nas que experimentou con papel seda, para dar unha visión da paisaxe do lugar onde veranea.
"O importante é que o público veña, vexa e opine, e opina moi ben", afirma Daniel sobre este día.
Estudos Abertos cumpre con este, dez anos.