Publicador de contidos

Publicador de contidos

34 cans guía acompañan persoas invidentes en Galicia

34 cans guía acompañan persoas invidentes en Galicia

No Día Internacional do Can Guía, a Fundación ONCE reclama o dereito de acceso destes animais a todo tipo de establecementos

Unha muller invidente accede a unha cafetería de Foz co seu can guía
Félix Aragunde 23/05/2025 14:49

A cadela Vivi acompaña o invidente chantadino Carlos Taboada onde queira que vaia. É un dos 34 animais que traballan no noso país adestrados pola ONCE, que no Día Internacional do Can Guía reclama o dereito de acceso destes animais a todo tipo de establecementos, con especial fincapé nos hostaleiros.

"É o terceiro can que teño. Cando empecei co primeiro, en restaurantes e incluso taxis había bastante rexeitamento. Co tempo, a xente vai coñecendo máis, pola divulgación, con carteis que se poñen de cans guía e polas campañas, xa se vai tendo menos trabas", sinala Juan Carlos Taboada, invidente usuario dun can guía da ONCE. 

"Por lei, porque xa é así, e á parte por empatía, educación e sentido común. Un can guía é coma unha prolongación do propio invidente, e son animais cun comportamento exquisito. Non se lles pode impedir entrar nos establecementos de hostalería, no Vaticano e na catedral de Burgos", engade Cheché Real, presidente de Turismo e Hostalería de Galicia. 

A focense Raquel Marqués tamén é usuaria dunha cadela guía da ONCE, chamada Estela. Con ela viviu nos últimos sete anos varios incidentes por non lle permitiren a entrada ao animal en distintos negocios.

"O último caso que se me deu foi haberá un mes en Ribadeo, nunha cafetería onde nos puxeron problemas para entrar. Hóubolles que explicar que era un can guía para que entrasen en razón. Non é agradable, polo que é un sitio que xa descartamos para ir tomar algo. No resto da Mariña non me pasou nunca e sempre me deixaron entrar nos establecementos", conta Raquel Marqués, invidente usuaria dun can guía da ONCE. 

"Ela é clienta de sempre. Son uns cans, ademais, que están moi ben educados e que sabemos que están prestando un servizo. Co cal, sen ningún problema", di a hostaleira Mari Trigo. 

Os hostaleiros galegos lembran que é de obrigado cumprimento permitirlles o acceso aos cans guía aos establecementos do sector. Do contrario, estase a cometer unha ilegalidade que pode implicar unha sanción.

"Nese caso, tratar de razoar. E se non razoa, se o cre conveniente chamar á policía, como con calquera outra infracción. É unha infracción e un atropelo non deixar pasar os cans guía", explica Cheché Real. 

En todo o ámbito estatal son uns 900 os animais que lles serven de ollos ás persoas cegas. Así e todo, aínda son necesarios máis cans guía.

"Porque hoxe a espera da escola en Madrid é de arredor de tres anos, se non máis. Fas todos os papeis e ata que cheguen á escola despois tardas polo menos tres anos en que che concedan un, excepto se es repetidor", suliña Juan Carlos Taboada. 

"De feito, hai uns poucos anos a ONCE investiu na mellora e na ampliación das instalacións e en contratar máis persoal para poder axilizar as entregas de cans, pero aínda non é dabondo", opina Raquel Marqués. 

Nos seus 35 anos de historia, a Fundación ONCE do Can Guía facilitoulles ás persoas cegas máis de 3.700 animais para mellorar a súa autonomía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade