25N Radiografía da violencia machista: 50 asasinatos de xénero e 560 denuncias diarias
25N Radiografía da violencia machista: 50 asasinatos de xénero e 560 denuncias diarias
No que vai de ano, 42 mulleres e oito menores foron asasinados en España vítimas da violencia machista, catro delas en Galicia
Cada día preséntanse máis de 560 denuncias por violencia de xénero e 55 por violencia sexual, 13 delas por violación
Corenta e dúas mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, catro delas en Galicia, e oito menores foron vítimas da violencia vicaria, o cal fai de 2024 o peor ano desde que hai rexistros.
De media, cada día preséntanse en España máis de 560 denuncias por violencia de xénero e 55 por violencia sexual, 13 delas por violación. A violencia contra as mulleres é inasumible, como reflicte esta radiografía das violencias machistas elaborada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Feminicidios
Corenta e dúas mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, catro delas en Galicia. Desde 2003, cometéronse en todo o estado 1.285 crimes, 71 deles na comunidade autónoma galega.
Andalucía é a comunidade autónoma con maior número de asasinatos (266), seguida por Cataluña (211), Comunidade Valenciana (162) e Madrid (134). Como consecuencia destes feminicidios, 463 nenos e nenas quedaron orfos desde 2013.
O perfil da vítima adoita ser unha muller española (no 64,5 % dos casos), entre 20 e 40 anos. Con todo, hai rexistrados trece crimes de mozas menores de idade e outros 80 de mulleres maiores de 70.
No 66,6 % dos casos, o agresor é de nacionalidade española e só dous de cada dez foran denunciados anteriormente por malos tratos. Un total de 271 feminicidas suicidáronse tras perpetrar o crime, outros 168 tentaron matarse tras asasinar as súas parellas ou exparellas. Ademais, en 2024, 62 mulleres foron asasinadas polo feito de o seren; na metade dos casos, o seu agresor foi un familiar.
Violencia vicaria
Unha das violencias machistas máis extremas e crueis é a violencia vicaria; a que exercen os homes contra os fillos e fillas das parellas ou exparellas. No que levamos de ano, oito menores foron asasinados en España vítimas deste tipo de violencia, o cal fai de 2024 o peor ano desde que hai rexistros. Desde 2013, contabilizáronse 61 feminicidios vicarios, no 88,5 % dos casos o asasino era o pai.
A 31 de outubro de 2024, os corpos policiais teñen rexistrados en VioXén 1.711 menores en risco de seren agredidos polos seus pais ou polas parellas ou eparellas das súas nais. Outros 12.282 viven en contextos de violencia machista.
Denuncias e protección
No segundo trimestre deste ano, presentáronse 561 denuncias diarias en España por violencia machista, son 23 cada hora. Desde 2009 interpuxéronse en todo o estado máis de 2,34 millóns de denuncias.
Na actualidade, o Ministerio do Interior ten 100.000 casos en seguimento policial e máis de 4.700 maltratadores viven cunha pulseira que controla os seus movementos e alerta as forzas de seguridade dun posible achegamento á súa vítima.
En 2023 perpetráronse un total de 123.452 feitos graves de violencia de xénero, un 9,8 % máis que en 2022 e un 48 % máis que hai cinco anos, segundo o Ministerio do Interior.
Unha de cada cinco vítimas de violencia de xénero sofre malos tratos machistas por máis dun agresor ao longo da súa vida e máis de 16.400 mulleres foron alertadas de que o seu maltratador agrediu anteriormente outras vítimas.
Violencia sexual
O departamento de Fernando Grande-Marlaska tamén está a rexistrar un aumento progresivo do número de denuncias por violencia sexual nos últimos anos.
Se en 2022 poñíanse 32 denuncias diarias por delitos sexuais e 10 por violación, no primeiro semestre de 2024 foron xa 55 as denuncias diarias por agresión sexual e 13 por violación.
No marco da violencia sexual, España ten unha débeda pendente á hora de dar resposta ás vítimas de trata e de explotación sexual, sobre as que apenas existen datos e para as que non se dispón dunha lei integral.
Foron liberadas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en 2023 652 mulleres e 12 nenas vítimas de explotación sexual. Delas, 294 foron identificadas ademais como vítimas de trata.
Neste país hai máis de 114.000 mulleres en situación de prostitución e polo menos un 24,2 % delas, máis de 27.000, atópanse en risco de explotación sexual, e entre un 8,5 e un 15,4 %, en risco de ser captadas por unha rede de trata.