Publicador de contidos

Publicador de contidos

24 anos da morte de Ramón Sampedro, quen marcou o camiño da eutanasia

24 anos da morte de Ramón Sampedro, quen marcou o camiño da eutanasia

O sonense quedara tetrapléxico ao botarse de cabeza ao mar. Era 1968 e tiña 25 anos.

En 1996, a Audiencia da Coruña negoulle o dereito a que o axudasen a morrer

En 1998, tras 30 anos na cama, arranca un plan para que lle puxesen cianuro diante sen consecuencias legais para ninguén

G24.gal 12/01/2022 21:12

Fai 24 anos da morte voluntaria de Ramón Sampedro, e nuns días os seus amigos, coma cada primeiro domingo despois do 12 de xaneiro, renderanlle a homenaxe habitual. Pero este ano a ofrenda terá de particular que será a primeira dende que en España se recoñece o dereito á eutanasia.

Imos a 1968. Praia das Furnas, Porto do Son. Ramón Sampedro ten 25 anos. Bótase ao mar de cabeza. Ingresa no hospital por un tempo.

"Logo de tres meses dixéronme que non podían facer máis por min. Que me fora para a casa, que isto é o que tiña para o resto da miña vida. O primeiro que pensei cando saín de alí foi: non quero isto", relataba Ramón Sampedro nos anos 90.

E entrou no seu cuarto e comezou a ver pasar os días e as noites, ano tras ano, por unha ventá. 

"Non quero isto. Non quero ser unha cabeza viva e un corpo morto".

Aprendeu a ler e a escribir manexando ferramentas coa boca. O seu irmán e a súa cuñada coidábano. Pero co tempo Ramón Sampedro foise marcando certo camiño aínda inexplorado.

"Entendo perfectamente a postura dos que queren o contrario do que quero eu. Pero empezas a pensar no sentido da vida e a morte... E dis: Que fago aquí todos os días? Todos os días levántaste, ou espertas, e sabes que estás no mesmo sitio en que estabas hai 26 anos".

A súa determinación levouno a unha mediática pelexa nos xulgados pola morte digna. En 1996 a Audiencia da Coruña ditaminou que non tiña dereito a que lle axudasen a poñer fin á sua vida.  Pero el continuou aquel camiño.

"Se eu pido unha axuda para morrer, que esa persoa non sexa castigada pola lei. E é o que quero facer, o que desexo facer. Sei que é o que debo facer, e vouno facer, claro".

Trazou un meticuloso plan para que ninguén que o axudase sufrise consecuencias legais. Diversos amigos fixeron pequenas tarefas cada un, e o 12 de xaneiro de 1998 bebeu cianuro.

Seguen homenaxeándoo cada ano. Isto foi 2020. E en 2021, ofrenda con máscara. E a cita deste ano terá de particular que será a primeira dende que a lei española recoñece o dereito á eutanasia.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade