Douscentos efectivos de policía adiccionais velarán pola seguridade durante O Son do Camiño
Na Xunta de Seguridade, anunciaron este mércores un reforzo de 40 efectivos para a Comisaría de Santiago
Piden colaboración cidadá para atallar os incidentes e loitas contra a sensación "subxectiva" de inseguridade no Ensanche e Santa Marta
"Con unidades de reforzo que van vir de fóra, no Son do Camiño a Policía Nacional mobiliza 200 efectivos cada día", anunciou Julio Abalde, o subdelegado do Goberno.
Cifras ás que unen tamén unha especial atención para evitar condutas ou agresións sexistas no marco deste evento que se celebra en Santiago entre o 18 e o 20 de xuño.
Na Xunta de Seguridade acordaron tamén que os dispositivos especiais se sucederán na capital galega nas próximas semanas en cada evento que requira dunha maior presenza das forzas da orde.
Ao termo da reunión, anunciaron a próxima incorporación á comisaria de Santiago de 40 efectivos máis, cos que pretenden -din- paliar a sensación subxectiva de inseguridade entre algúns veciños e comerciantes do Ensache e Santa Marta.
"Por cuestión que teñen que ver con pelexas e roubos, hai unha cousa que, como di o subdelegado, xeran alarma, pero ás veces acaba sendo unha incidencia da que non hai denuncia, e iso complica as cousas. E, ademais, cando acontecen este tipo de cuestións sabedes que adoitan ser fóra dos locais", declarou Goretti Sanmartín, a alcaldesa de Santiago.
Afirman que os datos non revelan que exista na capital galega un problema de inseguridade, pero din que van estar atentos e abertos ao diálogo e piden colaboración cidadá para reducir e evitar incidencias.
